Presenza galega na feira de animación 3D Wire de Segovia

xoves, 4 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

O Mercado Internacional de Animación 3D e Videoxogos que se celebra en Segovia o día 5 de xuño contará con participación galega. Segundo nos contan dende Sandiás (Ourense) os organizadores de Animacam.tv, este certame audiovisual de animación (co Camiño de Santiago como eixe) terá na devandita feira castelá unha palestra dende a que darse a coñecer. Asemade, estará presente un vello coñecido de Código Cero: o encontro internacional Mundos Dixitais, dende A Coruña. Por certo que á xuntanza de Segovia tamén se lle chama co nome de 3D Wire, e está previsto que reúna na xornada de mañá venres aos directores dos máis prestixiosos festivais de animación de toda España.
Patrocinada polo Círculo de Ciencia e Tecnoloxía, o propio Concello da cidade castelá e o Ministerio de Industria, a feira 3D Wire ten entre os seus obxectivos o de procurar mecanismos internos de cooperación e conformar unha visión conxunta do papel que xoga o panorama de festivais na promoción da animación española no estranxeiro. Polo que respecta á achega de Animacam (que acude á feira xunta co Animabassauri, o Animac de Catalunya ou o Sicam de Murcia), dicir que a previsión é a de tirar proveito do amplo auditorio para acadar o que en definitiva alimenta ao propio festival galego: a participación. “A nosa idea”, comentan, “é abrir á participación a peregrinos, usuarios da Rede, creadores e produtores de debuxos animados de todo o mundo, xa que todos eles teñen cabida en Animacam, amais de voz e voto, ben sexa a través da Sección Oficial competindo con filmes ou nas Seccións Paralelas, mediante os foros que baixo os epígrafes de O Camiño, Libros e Festas recollerán achegas que axuden a crear as bibliotecas, fototecas e videotecas virtuais do Camiño de Santiago”.
O director do festival de Sandiás participará cun relatorio titulado Camiñando xuntos para animar o mundo: o feedback entre creadores e público coa que pretende reflexionar sobre cómo conquerir a retroalimentación entre as obras e os seus destinatarios, os espectadores.

PUBLICIDADE