Preséntase o concurso europeo de navegación por satélite, ESNC 2015, no Porto do Molle

venres, 5 de xuño do 2015 Redacción

O Porto do Molle, en Nigrán, acolleu hoxe a presentación dunha serie de cousas de gran relevancia para aquelas empresas galegas que atesouren capacidade e potencial para introducirse ou afianzarse no sector das tecnoloxías ligadas ao Espazo. Así, por unha banda deuse a coñecer oficialmente o certame europeo de navegación por satélite ESNC, edición 2015, convocado baixo o epígrafe Galician Community Challenge e destinado a premiar as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite “sen importar o estado de desenvolvemento no que se atope o proxecto, servizo ou idea de negocio”. Por outra banda, na xornada amosáronse en detalle novas oportunidades para proxectos baseados na navegación por satélite.
Ao fío disto último, avanzáronse algunhas das liñas de actividade que van ter as novas instalacións en Nigrán da firma Delta, que vai realizar en Porto do Molle un investimento superior aos 25 millóns de euros. “Isto”, sinalou a delegada de Estado do Consorcio da Zona Franca (Teresa Pedrosa), “sumado ás empresas xa existentes e aos programas de promoción e aceleración de emprendedores, está a converter ao parque empresarial de Nigrán nun polo de atracción do talento e nun centro de innovación de referencia para todo o noroeste peninsular”.
Na xornada, amosando precisamente as oportunidades na mobilidade espacial para proxectos empresariais galegos, tamén participou o voceiro da Axencia Espacial Europea en España, Javier Ventura-Traveset, quen fixo fincapé no proceso actual de crecemento que están a experimentar as empresas que basean o seu modelo de negocio na navegación por satélite. No seu relatorio Ventura-Traveset tratou aspectos relevantes sobre a ESA e o sector espacial en España, engadindo que “navegación, telecomunicación espacial e observación da terra son as áreas de extraordinaria capacidade para aplicacións baseadas na navegación por satélite”. O relator tamén destacou que segundo a Comisión Europea estímase que entre o 6 e 7% do produto interior bruto da UE depende actualmente da devandita tecnoloxía aeroespacial. E engadiu: “Máis que a tecnoloxía cómpre que ideemos algo que realmente faga falta e ao que podemos dar unha solución porque estamos nun intre culminante neste tipo de tecnoloxías aeroespaciais".
Acerca de Galileo, Javier Ventura-Traveset explicou que se trata dun sistema europeo que ofrecerá cobertura mundial e aumentará a independencia tecnolóxica de Europa e situará a esta “no centro dunha revolución comercial baseada nos produtos e servizos de posicionamentos que se prevé que creará numerosos postos de traballo en Europa para o ano 2020”. Esta nova economía, engadiu, baséase en “proporcionar e garantir un posicionamento preciso para todo tipo de aplicacións civís como os navegadores para coches, teléfonos móbiles, transporte marítimo, aéreo ou ferroviario”.
Volvendo ao concurso ESNC, sinalar que foi presentado na xornada polo profesor da Universidade de Vigo, Francisco J. Diaz-Otero. Segundo fixo saber, o concurso (do que é socio principal o Consorcio da Zona Franca de Vigo en colaboración co Igape e GAIN) é un evento internacional de innovación que premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite “sen importar o estado de desenvolvemento no que se atope o proxecto, servizo ou idea de negocio”. Este concurso está dirixido a empresas, emprendedores, investigadores, estudantes e inventores.
Na xornada, Teresa Pedrosa tamén animou aos estudantes de enxeñaría da Universidade a participar no concurso que como premio (edición galega) terá o aloxamento gratuíto durante un ano nun dos viveiros do Consorcio con todos os servizos que desde eles se prestan. "Estamos a pór as a bases para dar un espazo aos enxeñeiros para que poidan desenvolver aquí todo o seu potencial" dixo a delegada quen tamén falou da intención do Consorcio de establecer vínculos de colaboración permanentes coa ESA.

PUBLICIDADE