Preséntase nsaio.org, unha web para achegar aos grupos aos locais de ensaio, ás salas e ao público

martes, 5 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, presentaron hoxe en Santiago o novo portal web nsaio.org

Os principais atrancos que teñen os mozos e mozas de hoxe en día para expresarse pola vía musical son moitos, e o de non poder contar cun local habilitado e equipado de xeito debido para ensaiar non é precisamente o menos importante. De todos os xeitos, hai máis, en boa medida derivados do devandito: a veciñanza asexando que non se pasen uns supostos límites de decibelios, a dispersión dos propios músicos (entre eles e entre eles e as entidades que poderían apoialos) ou o desleixo cara a creación cultural dalgunhas institucións. Contribuír a poñer fin a estas situacións é o obxectivo da Rede Galega de Locais de Ensaio, iniciativa da Vicepresidencia da Xunta que vén de estrear páxina web.
A idea, tanto da Rede como do seu sitio en liña, é favorecer canles de comunicación para os novos grupos e, máis polo miúdo, achegarlles un lugar axeitado onde dar renda solta ó seu pulo artístico. En definitiva, a razón de ser da web é reforzar os obxectivos da dita Rede Galega, fornecéndoa cun foro de encontro e de intercambio de experiencias.
A dupla iniciativa, posta en marcha (ombro con ombro) polas direccións xerais de Creación e Difusión Cultural e de Xuventude, foi presentada hoxe na sede da Xunta en Santiago. No encontro coa prensa, os responsables da proposta (que conta coa apoio dos concellos galegos que concorren con cadanseu local) fixeron fincapé en todo aquilo que incorpora o portal en liña para favorecer a achega de equipamento para o ensaio e, maiores, favorecer a promoción dos grupos: subministro de microwebs para bandas noveis (ó estilo de MySpace, con vídeos, imaxes e datos de todo tipo), información completa da Rede de Locais (anuncios, convocatorias, etc) e un innovador espazo (unha radio en liña) para escoitar as cancións dos artistas que participen na iniciativa.
Asemade, entre outras moitas cousas, o portal inclúe unha sección na que diferentes persoeiros do eido musical galega dan a súa opinión sobre a proposta. Por certo que entre os que xa podemos ver e escoitar atópase Xurxo Souto, para quen está claro que esta iniciativa axudará a deixar definitivamente atrás os tempos en que se ensaiaba baixo a influenza (xeralmente negativa) dun veciño ou veciña “repugnante”.
O sitio web presentado hoxe, segundo os seus responsables cen por cen innovador a nivel estatal, vai encamiñado tamén a asegurar e reforzar a difusión na Internet das cancións de cada banda integrante da Rede, favorecéndolles ademais unha ligazón cos ditos departamentos de Vicepresidencia e coas institucións en xeral que até o de agora (segundo Rubén Cela, director xeral de Xuventude), apenas se tiña rexistrado. “Para nós”, sinalou, “a web significa un vehículo de comunicación cos grupos de primeira orde, proceso que até o día de hoxe, en boa medida pola dispersión das bandas, foi complicado abondo”.
Microweb para cada grupo
A idea de www.nsaio.org é facer posible que grupos noveis galegos dispoñan da súa propia microweb. Segundo indicou Vicepresidencia no acto de hoxe, trátase dun espazo autoxestionable que lles permitirá ás agrupacións e artistas introducir todo tipo de información sobre o seu traballo logo dun sinxelo proceso de alta gratuíta. En cada un dos espazos particulares poderase introducir diversa información: desde os datos do artista ou grupo musical ata vídeos ou arquivos en mp3 para a súa escoita ou descarga, entre outros. Ademais, a alta daralles acceso a un servizo en liña de asesoría xurídica en materia de dereitos, propiedade intelectual e outros aspectos legais relacionados coa actividade musical.

PUBLICIDADE