Preséntase en Santiago o Plan Galego de I+D perante o noso empresariado

martes, 29 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A Consellería de Economía presenta este venres 1 de abril o seu Plan Galego de I+D, tamén coñecido como Plan I2=C. O acto non será unha convocatoria de prensa ao uso. De feito, os principais destinatarios da presentación serán os integrantes do noso tecido produtivo. A cita será na sede da Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago, a partir das 11.45 horas. O acto contará coa presenza do conselleiro de Economía, Javier Guerra, quen afondará nos obxectivos e as liñas de actividade da estratexia de I+D do Goberno galego, avaliando as oportunidades do dito Plan en materia de pulo a proxectos empresariais innovadores.
Cómpre sinalar que unha das finalidades básicas do programa é desenvolver un ecosistema de investigación e modernización que sexa eficaz dabondo como para emprazar a nosa economía en situación de competir no eido internacional.
A cita contará coa presenza (entre outros profesionais) de Jorge Cebreiros, presidente da asociación galega Ineo, quen será o encargado de moderar as intervencións arredor do potencial do Plan en materia de impulso a iniciativas empresariais.

PUBLICIDADE