Preséntase en FITUR a web turística SantiagoNow

venres, 20 de xaneiro do 2023 S. P.

O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de INCOLSA, Flavia Ramil presentaron a web turística SantiagoNow no salón FITUR (Feria Internacional de Turismo) que se celebra estes días no IFEMA de Madrid. Segundo salientaron, trátase dunha nova ferramenta tecnolóxica con "información actualizada de visitas e tours turísticos, actividades culturais ou de ocio, e dispoñibilidade de prazas de aloxamento no mesmo día". O servizo xa está dispoñíbel en santiagoturismo.com/now.
Este novo portal, engadiron, “pretende dar unha resposta rápida ás preguntas máis repetidas nas oficinas de información da cidade, onde se atenden unhas 200.000 persoas ao ano: onde podemos durmir hoxe e que visitas ou excursións podo facer hoxe”. Trátase, explicaron, dunha “ferramenta propia na que, os organizadores de visitas guiadas e tours actualizan directamente e a tempo real a súa oferta".
Tamén lembraron a importante actividade acadada pola páxina web santiagoturismo.com, que tivo o último ano máis de 800.000 usuarios, xerando máis de tres millóns de páxinas vistas, concentradas sobre todo na axenda cultural e de ocio da cidade. Ademais, sobre os visitantes do sitio, ademais dos nacionais destaca a presenza de público estadounidense, alemán e italiano, salientaron en FITUR.

PUBLICIDADE