Preséntase a terceira edición da xornada de innovación InnovAmes

xoves, 18 de xaneiro do 2024 S. P.

O Concello de Ames presentou a terceira edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas locais que está prevista para o 26 de xaneiro no Pavillón Polideportivo do Milladoiro e que atraerá a empresas referentes en innovación afincadas no termo municipal. O obxectivo deste evento é “poñer en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando as a colaboración entre empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial de Ames”, informouse, dando conta do programa de actividades (que figura polo miúdo na web do encontro).
O espazo de coworking A Proa do Milladoiro acolleu a presentación da III Xornada InnovAmes. Asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; unha das organizadoras do evento, Rebeca Mariño, de Designthinking.gal; a representante de Mirabelle Comunicación, Rocío González; a vicedirectora do IES do Milladoiro; e representantes das empresas Sistemius, Codery, Indígena Films, Temporit e Serea Films, así como da Asociación de empresarios Novo Milladoiro.
A xornada InnovAmes é un evento para todos os públicos que busca xerar un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, no que as empresas do concello de Ames acheguen as últimas tendencias en innovación e xeren sinerxías que dean lugar a novos proxectos e oportunidades empresariais. Nel tamén participarán varios centros educativos amesás como son o IES de Ames, o IES de Milladoiro, o CEIP Agro do Muíño e o CEIP de Barouta. Estes tres últimos contarán co seu propio stand no evento.
O alcalde de Ames, Blas García, expuxo os motivos polos que o InnovAmes se celebra no Milladoiro: “o Polígono Novo Milladoiro é un polo tecnolóxico e innovador non só no noso concello, senón tamén en Galicia e España”. Ademais, destacou que a finalidade deste evento non é só poñer en valor o talento e a capacidade das empresas amesás, senón tamén “implicar ás novas xeracións no crecemento do tecido empresarial do concello”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, foi a encargada de abrir a presentacións, explicando que a axenda deste ano “pretende reunir empresas para compartir novidades e proxectos nos seus sectores, e facilitar a comunicación con escolas e universidades para fomentar as inquedanzas pola innovación”.
Pola súa banda, Carmen Porto, concelleira de Mocidade, explicou que o InnovAmes contará con stands de tres centros educativos (o CEIP Agro do Muíño, con 67 nenos e nenas; o CEIP de Barouta, con 55; e o IES do Milladoiro, con 20) e coa visita do alumnado do IES de Ames. Destacou que para o Concello de Ames é “un pracer que os centros educativos inclúan este evento na súa programación anual, xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo entre empresas e alumnado para dar pé a novos proxectos”.
Con respecto ás empresas organizadoras do InnovAmes, a representante de Mirabelle Comunicación, Rocío González, subliñou que iniciativas como esta serven para “dar visibilidade á variedade de servizos e posibilidades de continuidade e desenvolvemento empresarial que existen dentro do noso concello”.
O groso da programación está conformado por charlas e mesas de debate sobre cuestións como a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual ou o emprego de novos materiais. Así mesmo, haberá catro grandes mesas de debate sobre a IA (Intelixencia Artificial) desde distintos puntos de vista, como a educación ou o comercio electrónico.
Os escolares e representantes das empresas afincadas en Ames poderán escoitar a figuras como Olga Osorio (directora de cinema, xornalista, profesora e fotógrafa) ou Simón Casal de Miguel (guionista, director e montador). Ademais, tamén poderán participar en diversos obradoiros nos que, entre outras cousas, poderán aprender a distinguir textos xerados pola IA de textos escritos por humanos. Durante o descanso da mañá poderán achegarse á mesa saudábel para probar os iogures de CLUN Feiraco.
Tamén haberá un espazo de exposición no que os asistentes poderán coñecer de primeira man estes proxectos e outros exemplos innovadores nos que traballan as empresas do concello de Ames, así como os proxectos presentados polos centros educativos.
O evento completarase cunha sesión de tarde, dirixida ás empresas e ao público interesado, na que se poderá escoitar a Iria Rodríguez, directora do departamento de I+D de Teimas; ou a Román López, director de Proxectos Internacionais, Intelixencia Artificial e Computación na Nube en Bahia Software. Tamén se coñecerán os proxectos presentados polas empresas amesás e farase entrega dos premios aos/ás gañadores/as. Así mesmo, o público poderá asistir a diversos obradoiros durante a tarde e, como punto final da xornada, gozarase dunha actuación musical a cargo de María Iglesias e duns petiscos.

PUBLICIDADE