Preséntase IDEPatri, unha plataforma para axilizar e impulsar o traballo arqueolóxico

luns, 30 de xuño do 2014 Redacción

A profesora e coordinadora do proxecto Josefa Rey nunha imaxe da USC

A partir de agora a información xerada polos xacementos atoparase unificada e a súa consulta será moito máis doada, ou iso é o que se pretende coa nova infraestrutura de datos espaciais (IDE) desenvolvida polo grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (GEPN) da USC e que se coñecerá como IDEPatri. Estamos falando dunha plataforma que quere unificar os criterios que rexen unha base de datos para conectar coas preocupacións de todos as especialidades implicadas na cadea que se estende dende o punto de escavación até as salas de exposición dun museo.
O obxectivo, explica a profesora e coordinadora do proxecto Josefa Rey Castiñeira, é “que as investigacións xurdidas dos xacementos deixen de estar illadas, para así acurtar os tempos e custos de traballo”. Asemade -afirmaba Josefa Rey- “en arqueoloxía dependemos os uns dos outros: de quen escava, de quen trata o material ou de quen o entrega ao museo” se ben a dificultade deriva de que “cada un de nós emprega un enfoque diferente, comezando polos etiquetados e as bases de datos”. No desenvolvemento do proxecto tamén están implicados o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a Asociación de Empresas Galegas de Arqueoloxía (AEGA).
Segundo adiantabamos en Código Cero esta nova achega xorde para “que exista unha ferramenta de traballo na que todo o mundo poida consultar que hai sobre o tema que quere investigar e, ao mesmo tempo, incrementalo”, sinala a profesora Rey Castiñeira. A solución foi un “sistema codificado simplificado que poidamos compartir”, sinala en alusión á plataforma agora presentada, que permitirá realizar unha investigación histórica global, tanto dos modos de vida a escala local coma de tendencias sociais maiores. “IDEPatri ten unha característica moi importante: usa unha IDE onde o espazo é un elemento básico a todas as escalas, dende a máis grande á máis pequena, incluído o detalle e ofrecendo a posibilidade de converter o tempo en espazo”, explica Josefa Rey.
A partir do rexistro arqueolóxico da Idade de Ferro en Galicia e da época castrexa, esta IDE “ propón unha metodoloxía unificada que pode servir para calquera intervención pertencente a calquera época”, engade o técnico superior de Sistemas de Información Xeográfica do CESGA Emilio Abad quen considera que IDEPatri non é “tanto unha ferramenta coma un sistema que está vivo”.
O concepto de xestión de grandes volumes de datos (‘big data’) que achega IDEPatri para facer máis doado o traballo dos investigadores, combínase co de acceso aberto “para que pedagogos e divulgadores poidan explorar o seu potencial mediante ferramentas de visualización”, explican os promotores da idea. Acceder a esta información “implicará a oportunidade de poder ofrecer produtos de valor a sectores de actividade como o turismo” e sinalan a modo de exemplo o desenvolvemento de aplicacións móbiles que permiten a turistas a posibilidade de explorar a contorna na que se atopan e localizar puntos arqueolóxicos interesantes para visitar.
A plataforma xa tivo unha primeira aplicación completa nun traballo real, o estudo do Castelo da Rocha Forte, situado en Conxo. IDEPatri permitiu na intervención da Rocha Forte “que os arqueólogos puidéramos facer o traballo teórico nun tempo récord.
As características desta nova plataforma presentáronse este luns 30 de xuño nun acto público no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) coa presenza do vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López; a investigadora principal do proxecto, Josefa Rey; o técnico de Sistemas de Información Xeográfica (GIS) do CESGA, Emilio Abad; e o presidente de AEGA, Israel Picón Lamas.

PUBLICIDADE