Presentan unha solución baseada nos videoxogos para tratar a pacientes neurolóxicos

mércores, 26 de setembro do 2012 Marcus Fernández

VINCI baséase na detección de movementos para tratar a pacientes con dano cerebral

Esta mañá Serafín Ortigueira García, da coruñesa Cefine Neuroloxía, e Xabier Alfonso Cornes, xerente da viguesa Ingeneiría Biomecánica Umana, presentaron na sede da primeira en Uxes (Arteixo) unha ferramenta de software chamada VINCI que emprega sistemas de captura de movemento para permitir que pacientes con dano cerebral poidan ver nunha pantalla de grandes dimensións un avatar de grandes dimensións movéndose igual que eles, de xeito que incorporan ao paciente a unha actividade lúdica con finalidades terapéuticas.
Este proxecto de I+D+i contou cun orzamento de 16.000 euros achegados por ambas compañías, e aínda que deseñouse pensando en pacientes neurolóxicos, tamén podería aplicarse ao tratamento de persoas con afeccións traumatolóxicas ou con amputacións dun membro superior.

VINCI contou cun equipo de desenvolvemento multidisciplinar

O desenvolvemento de VINCI contou coa participación dun equipo multidisciplinar entre os que figuran 2 fisioterapeutas, 1 terapeuta ocupacional, 2 enxeñeiros industriais e 2 informáticos apoiados polo asesoramento do neurólogo José Marey. O videoxogo reproduce un campo de fútbol no que o usuario debe tomar o rol de porteiro, buscando así que o corpo dos pacientes reaccione ante o estímulo que pode supor un balón, permitindo axustar parámetros como a velocidade, a frecuencia dos balóns, o seu tamaño e o da portería en función das singularidades de cada persoa.
No caso de persoas con parálise dun brazo, o feito o seu avatar careza de tal problema supón tamén un potente estímulo, moi útil para tratar a persoas con hemiparesia (ou con esclerose múltiple) durante a súa rehabilitación.
Aínda que VINCI non está aínda en fase de comercialización, os seus responsables aseguran que nun futuro será posible facerse coa solución completa de VINCI cun pequeno investimento para poder traballar con el no fogar.

PUBLICIDADE