Presentan na Coruña a plataforma de formación Emprendizaxe

xoves, 12 de febreiro do 2009

A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, presentou hoxe na Coruña a nova plataforma Emprendizaxe desenvolvida pola Consellería de Innovación e Industria dentro do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información. Trátase dunha plataforma social e aberta á colaboración de emprendedores nos diferentes sectores económicos, que ao mesmo tempo serve como punto de encontro entre profesionais creando comunidades, tecido asociativo, debates abertos e posicionamento das empresas en Internet e pola súa banda achega información especializada.
Emprendizaxe é, segundo explicou a directora xeral, unha aposta social, colaborativa e aberta á participación de todas aquelas persoas que desexen formarse, colaborar, aprender, emprender ou coñecer.
Esta plataforma de e-learning ofrece acceso gratuíto a contidos especializados no ámbito empresarial (estratexias de márketing, tecnoloxías da información e comunicación, estratexias de venda, xestión empresarial...); como plataforma de comunicación social entre profesionais, ofrece tamén a posibilidade de crear comunidades, blogs ou cursos para tratar e debater diferentes temáticas empresariais.
A evolución da Internet cara unha rede máis social reflíctese na tendencia a compartir coñecementos, poñer prácticas en común para optimizalas, desenvolver proxectos colaborativos ou ofrecer coñecemento técnico para posicionarse no mercado como un especialista nunha temática.
Segundo explicou Helena Veiguela, Emprendizaxe ofrece estas posibilidades, como tamén un escritorio a través de internet personalizado a cada usuario onde pode indicar as tarefas e eventos a realizar a través dun calendario. Os contidos publicados en Emprendizaxe relaciónanse segundo a súa temática creando novas sinerxías e visións dun mesmo concepto.

PUBLICIDADE