Presentan en Barcelona o Windows Mobile 6.5

luns, 16 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Steve Ballmer achegouse a Barcelona para dar a coñecer o novo sistema operativo móbil de Microsoft

O Mobile World Congress contou na súa primeira xornada cun claro protagonista: o Windows Mobile 6.5. Microsoft aproveitou o encontro de profesionais do sector da telefonía móbil para dar a coñecer as prestacións e a nova interface que inclúe a última versión do seu sistema operativo para terminais móbiles, que farán máis atractiva a súa aparencia e facilitarán o seu uso.
O Windows Mobile 6.5 pretende combinar «o mellor da web, o PC e o teléfono» nun único sistema accesible dende calquera lugar segundo comentou Steve Ballmer, e aínda que esas palabras non deixan de parecer un eslogan, non é menos certo que a interface de uso do sistema operativo móbil de Microsoft mellorou considerablemente, permitindo o uso das pantallas táctiles cos dedos de xeito sinxelo, incluíndo unha nova versión do Internet Explorer Mobile, sincronizando información do móbil coa web (a través do servizo My Phone) e estreando unha tenda de aplicacións que facilitará a incorporación de novos programas.
Amais, o novo sistema operativo móbil estrearase en varios terminais coma o LG-GM7300, o HTC Touch Diamon 2 e Touch Pro 2, que aínda que no seu lanzamento chegarán co Windows Mobile 6.1, máis adiante incluirán a versión 6.5 (ou poderán actualizarse á nova versión), pois a chegada ao mercado desta nova experiencia móbil non será ata a segunda metade de 2009.

A interface do Windows Mobile 6.5 inclúe moitas novidades

PUBLICIDADE