Presentan a 3ª edición do concurso Lingua de Amor

luns, 23 de marzo do 2009 Marcus Fernández

O Consello da Xuventude de Galicia presentou a 3ª edición do concurso Lingua de Amor, organizado co gallo do Día das Letras Galegas e do Día Internacional da Internet, nun acto no que asistiron Azucena Rodríguez Amoroso, secretaria xeral do Consello, e Iolanda Veloso Ríos, concelleira de Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
O obxectivo do concurso é dinamizar o uso da lingua galega entre os máis novos en espazos de comunicación habituais para eles coma o correo electrónico, os foros, chats… premiándose as declaracións de amor remitas electronicamente cunha lonxitude máxima de 360 carácteres, incorporándose á presente edición unha modalidade musical.

Bases do concurso

As declaracións de amor contarán con 3 primeiros premios nas súas categorías de 14 a 19 anos e de 20 a 35 anos, que serán:
- 1º premio: un ordenador portátil
- 2º premio: unha PlayStation 3
- 3º premio: un iPod
No caso da categoría de maiores de 20 anos cada premio irá acompañado por unha cea para dúas persoas, e todos os gañadores recibirán un lote de libros en galego.
Na categoría de cancións de amor en lingua galega os premios serán os mesmos aínda que sen contar con categorías por idades e cambiando a cea para dúas persoas por unha fin de semana nunha casa de turismo rural.
O peche final do concurso terá lugar o 30 de maio cun acto de entrega de premios na cidade de Vigo.

PUBLICIDADE