Presentados en Vigo os detalles de dous proxectos de IA e robótica para as persoas maiores

xoves, 28 de febreiro do 2019 Redacción

Este mércores presentáronse en Vigo, no CITEXVI, os resultados e obxectivos de dous proxectos que teñen en común tirar o máximo proveito das tecnoloxías da Intelixencia Artificial (IA) e a robótica social para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores, a súa autonomía e a súa independencia. Estamos a falar do proxecto Rising (do que se deron a coñecer os seus froitos) e de NETA V3A (do que se falou polo miúdo dos seus retos principais). No acto interveu Luis Barros, director de Innovación de Atendo, empresa líder dos consorcios formados para as dúas propostas, que salientou a súa idoneidade para “afrontar o avellentamento da poboación e a alta porcentaxe de persoas maiores que viven soas”.
Tamén interviñeron M. Carmen López Pérez, responsábel da oficina de I+D+i de Balidea; Carmen Blanco, técnica de Fruto DS; Óscar Rodríguez, director xeral en Ledisson AIT e Helena Fernández, Directora de eSaúde de Gradiant.
No caso de Rising, foi impulsado polo consorcio de empresas formado por Atendo, Fruto DS e Balidea, coa colaboración da Fundación Idis e o ITMATI como centros de investigación, e céntrase no desenvolvemento da solución TIC denominada NETA para a aplicación de terapias cognitivas baseadas na vida cotiá e orientada a persoas que comezan a sufrir un deterioro cognitivo leve. Segundo se fixo saber, diríxese a ir alén dos atrancos habituais das persoas maiores coas novas tecnoloxías, proporcionándolles “unha ferramenta especificamente pensada para elas, que facilite a súa adherencia ás terapias dun xeito non invasivo, a través de técnicas de gamificación e fomentando a comunicación social coa súa familia e seres queridos”. Segundo fixo saber Luis Barros, “esta é precisamente unha das claves desta ferramenta, a comunicación emocional, a mestura dos vínculos afectivos, sociais e a actividades da vida cotiá coa supervisión sanitaria”.
Na cita tamén se debullaron os obxectivos de NETA V3A, que complementa a NETA e que vén da man de Atendo, Fruto DS e Balidea, xunto a Ledisson AIT e con Gradiant como centro tecnolóxico asociado. Como continuación do proxecto anterior, vaise conectar a plataforma NETA cun robot co que as persoas maiores se poderán comunicar a través da voz. A idea é permitir que a persoa usuaria poida realizar accións como introducir ou consultar eventos de calendario, como pode ser unha cita médica, facer videochamadas, realizar unha busca en Internet, consultar e almacenar datos de saúde como a tensión arterial ou os niveis de glucosa ou solicitar a información meteorolóxica.
Estes proxectos están subvencionados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, e co-financiados polo Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
Sobre Rising e NETA
Na presentación celebrada en Vigo fíxose fincapé en que o principal resultado de Rising foi o desenvolvemento de NETA, que abre as portas ás persoas usuarias para realiza terapias cognitivas baseadas en actividades cotiás, ao mesmo tempo que as conecta coa súa familia e os profesionais sanitarios. NETA, amais, fai seguimento da súa actividade e “supón un apoio no día a día, tanto das persoas usuarias como da súa familia, dotándoos de autonomía e independencia”, informouse, ao que se engadiu que NETA vertebra un servizo social dixital centrado nas persoas (ACP, Atención Centrada nas Persoas) co obxectivo de diminuír o seu illamento que pode ser debido a múltiples factores: derivado dun deterioro cognitivo, da fenda dixital ou simplemente da realidade sociodemográfica.
Durante os últimos meses do proxecto, de setembro a decembro de 2018, realizouse un proxecto piloto con usuarios reais, obtendo “resultados moi satisfactorios”, segundo salientaron as empresas impulsoras da iniciativa, que tamén destacan o alto grao de aceptación da solución por parte das persoas participantes: tanto usuarios directos como familiares e especialistas destacaron o seu fácil manexo. Este proxecto mobilizou unha inversión total de 1.118.000€, contando cunha axuda de 559.091€ por parte da Axencia Galega de Innovación.
NETA V3A
Polo que se refire a NETA V3A, o seu obxectivo xeral foi desenvolver un robot asistencial 100% galego que axudase aos maiores a ficar na súa contorna o maior tempo posíbel, fomentando hábitos de vida saudábel, apoiando tratamentos farmacolóxicos e médicos, facendo seguimento e ofrecendo seguridade. De igual maneira, preténdese que o robot non só cumpra cunha tarefa asistencial, senón tamén social, proporcionando acompañamento mediante Intelixencia Artificial (IA), alentando a participación activa da persoa na súa contorna.

PUBLICIDADE