Presentado un sistema de intelixencia artificial para localizar barcos nas treboadas
martes, 1 de marzo do 2011
Enxeñeiros da Universidade de Alcalá de Henares
(UAH Madrid) veñen de desenvolver unha serie de recursos de navegación (marítima,
non internauta) con particular potencial de emprego para as nosas costas,
especialmente transitadas por barcos de tódolos usos e tamaños e, de maneira
salientable, afectada por temporais, frontes e demais enleadas. Os recursos en
cuestión consisten nun sistema para detectar mellor as embarcacións con mal
tempo, segundo informa a revista IET Radar e reflicte
a Plataforma SINC. Baséase esta innovación nunha análise constante das
imaxes da radar e na aplicación dun algoritmo que tira partido das redes
neuronais virtuais.
A ferramenta non é nova, pero ten certas cousas a
ter en conta. Por exemplo: a aplicación destas técnicas de intelixencia artificial
e, tamén, a mellora nos modelos que se usan para seleccionar os datos que se
reciben, que son máis completos e axustados á realidade circundante.
O resultado, indican estes investigadores, é un
recurso de localización de barcos que mellora unha boa parte do que se usa
arestora, amais de ser economicamente máis barato e das posibilidades que
achega de uso en tempo real.
Máis polo miúdo, o seu funcionamento é o seguinte:
nun primeiro intre recolle os datos que subministran as imaxes do radar aplicándoos
en modelos deseñados polo devanditos investigadores, abranguendo toda a
información que xeran estes aparellos de seguimento nos seus varridos, tanto os
feitos en horizontal-vertical como en aspa-cruz; posteriormente aplícase un
tecido de rede virtual que imita o funcionamento das nosas neuronas e que, polo
tanto, é quen de aprender da contorna.
A principal vantaxe disto é que se minimizan os
atrancos que impiden albiscar as embarcacións no medio dunha lea de ondas, en
mar revolta, a través das imaxes resultantes do sistema. Por certo que este xa
foi probado con éxito no Mar do Norte, na plataforma alemá de investigación
FINO-1, polo que a ferramenta xa está lista para instalarse “sen problemas” nos sistemas radar de
barcos e plataformas mariñas.