Presentado un proxecto para impulsar nos centros galegos os nosos soportes de lectura

mércores, 20 de febreiro do 2013 Redacción

A Cidade da Cultura acolleu este mércores 20 a presentación do proxecto piloto E-Lectores nas bibliotecas escolares (E-LBE), unha iniciativa da Consellería de Cultura para favorecer que profesores e alumnos teñan contacto directo cas novas canles e plataformas tecnolóxicas do coñecemento, promovendo ao mesmo tempo a aprendizaxe en xeral e máis o hábito da lectura. No acto participaron o conselleiro Xesús Vázquez e máis o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, que salientaron, a maiores, as posibilidades de integración e afianzamento dixital do programa. Ou sexa, o potencial para loitar contra a fenda que afasta ao eido rural das cidades en materia de emprego cotián das novas tecnoloxías.

O conselleiro de Cultura e Educación presenta o proxecto ‘E-Lectores nas Bibliotecas Escolares’ como reforzo do Plan LÍA

A primeira actuación deste proxecto piloto tivo lugar na propia presentación do mesmo, coa entrega de lectores electrónicos a 25 centros educativos. Estes soportes, indicouse, pasarán a formar parte do equipamento da biblioteca escolar e serán os propios centros os que establezan as normas de uso dos mesmos, así como a posibilidade de poder realizar os préstamos de libros dixitais. A Consellería distribuíu entre os centros seleccionados unha guía con información sobre a posibilidade de uso destes soportes e máis ligazóns web para a descarga legal de libros electrónicos gratuítos. Sobre as vantaxes destes trebellos, a consellería salientou que “os lectores son de tipo tinta electrónica polo que, a diferenza de outros dispositivos, non emiten luz propia; deste xeito, a experiencia de lectura é moi semellante á do papel e pouco agresiva para a vista”.
Unha vez analizadas todas as solicitudes, a Consellería seleccionou os centros de entre os integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), “tendo en conta o compromiso da comunidade educativa coa biblioteca como espazo de lectura e de aprendizaxe”. Ademais, “deuse prioridade aos centros do rural, procurando unha distribución axeitada por todo o territorio galego”. Os colexios e institutos que recibiron e-lectores figuran detallados na nota de prensa emitida pola consellería logo da presentación do proxecto.

PUBLICIDADE