Presentado o software Termagal

venres, 10 de xullo do 2015 Redacción

Hoxe presentouse no Balneario de Lugo o proxecto Termagal, unha iniciativa destinada a crear unha ferramenta de xestión médica e documentación que permitirá, en palabras dos seus responsábeis, “a estandarización dos procesos de asistencia médica nos balnearios de Galicia”. A presentación contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e máis do presidente da Asociación Galega da Propiedade Balnearia, Antonio Garaloces, do decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Gestal e a xefa territorial da Consellería de Sanidade en Lugo, Patricia Daporta.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia (departamento que colaborou no desenvolvemento de Termagal), este software permitirá a homoxeneización da recollida de historias clínicas de pacientes e, polo tanto, facilitará a súa xestión. Nava Castro afirmou que “con Termagal a proposta de servizos de saúde revalorizarase grazas ao seguimento dos casos atendidos e dos resultados obtidos”. Asemade, dixo que “Termagal supón un empuxe fundamental para continuar consolidando Galicia como destino termal de referencia”.

PUBLICIDADE