Presentado o Dicionario de pronuncia en liña, que permite escoitar até 60.000 diccións

mércores, 14 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Presentación do traballo dixital, fotografada por Santi Alvite

O Dicionario de pronuncia en liña, do que falamos en Código Cero para avanzar algunhas das súas principais características e vantaxes (incidindo no feito de que xa estea dispoñíbel na Rede), foi presentado esta semana oficialmente en Santiago, no Colexio de San Xerome, nun acto perante os medios de comunicación que contou coa presenza das entidades directamente implicadas no seu desenvolvemento, comezando polo Instituto da Lingua Galega, da Universidade de Santiago. En representación deste departamento da USC acudiu o profesor Xosé Luís Regueira, director do proxecto, quen subliñou que unha das súas grandes achegas baséase en que permite escoitar até 60.000 pronuncias do léxico común galego na súa variedade estándar, nun rexistro formal e cun ritmo normal da fala.
Durante a presentación do dicionario tamén participaron o reitor Juan Casares e máis Anxo Lorenzo, principal responsábel da Secretaría Xeral de Política Lingüística, institución que colaborou tamén nesta iniciativa de adaptación ao dixital, amais da Radio Galega. A achega en liña, incidiron, baséase na información fonética do Dicionario de pronuncia da lingua galega do propio Xosé Luís Regueira, publicado pola Real Academia Galega en 2010. A gran novidade desta versión dixital, alén de que significa unha nova aposta de valor pola universalidade e a accesibilidade do coñecemento, radica en que supón un novo xiro ao noso xeito de achegármonos á lingua, agora máis vivo, rico e, sobre todo, real. Así nolo explicou Regueira: “Había que darlle vida e voz, sendo o resultado unha obra útil para mellorar a calidade da lingua, dende a perspectiva dos medios de comunicación ou do discurso público en xeral”.
A xuízo de Anxo Lorenzo, estamos ante unha importante contribución á mellora da calidade e do prestixio do idioma, de gran importancia para a cidadanía e, tamén, para a propia lingua, motivos polos que o seu departamento apoiou a publicación tradicional do mesmo en 2010 e, logo, a súa transformación en ferramenta dixital. “Os usuarios da lingua oral en contextos formais, os profesionais que traballan coa lingua falada e tamén as persoas que desexan aprender galego teñen neste dicionario un recurso de grande utilidade”, comentou o secretario xeral, ao que engadiu: “Este recurso contribúe á difusión do estándar, favorece a extensión social do idioma e incrementa o seu valor funcional”.
Segundo informaron Regueira e máis Juan Casares, o volume presenta unha nova ferramenta en liña que deberá facilitarlles a aprendizaxe ás persoas que estudan galego e, por outra banda, ofrecerlles un modelo oral de referencia e de consulta aos profesionais que traballan coa lingua falada, como é o caso de xornalistas, dobradores ou profesorado, entre outros. Xunto ao corpo temático, o dicionario dispón dun buscador no que se poden localizar palabras concretas ou cadeas de caracteres, presentando o resultado da busca coa forma, categoría gramatical, transcrición e o arquivo de voz correspondente.

PUBLICIDADE