Presentada nos LPRO Days unha app para facilitar a lectoescritura nos cativos con síndrome de Down

martes, 2 de maio do 2017 Redacción

A equipa de desenvolvedoras e desenvolvedores de Learnfordown

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación volveu acoller unha nova edición dos LPRO Days, a terceira. Trátase, para quen non o saiba, dun evento no que se amosan as investigacións feitas polos estudantes do último curso na materia Laboratorio de proxectos. Presentáronse finalmente 20 proxectos, boa parte deles relacionados directamente coas novas tecnolóxicas, aínda que outros “caeron” máis ben nas beiras da saúde a e da alimentación. Nun plano máis concreto, déronse a coñecer achados para mellorar o ensino da lectura entre a rapazada con síndrome de Down ou unha tecnoloxía moi acaida para un día coma o de onte (primeiro de maio) que serviría para contabilizar os participantes nunha manifestación. O Centro Tecnolóxico Gradiant e a empresa Cardiovascular Gallega entregaron premios ás mellores propostas. Na cita tamén participaron representantes de empresas como Imatia, o operador R, Everis ou Telefónica.
Como dixemos, presentáronse 20 proxectos realizados por 106 alumnas e alumnos e asesorados por 19 docentes. Segundo explicou o profesor Manuel Caeiro na presentación das propostas, a maioría delas xorden da propia iniciativa dos estudantes en base “aos seus intereses e inquedanzas persoais ou aos que ven nas súas familias e contorna”. Entre os achados que se amosaron na Escola de Telecomunicación figuraba un proxecto para combater con laser o espallamento da vespa velutina. Trátase de BeeShield, un produto que, en palabras dos seus impulsores, busca defender a avella autóctona fronte a velutina, especie invasora proveniente do continente asiático cuxa presenza en Galicia aumentou de xeito alarmante nos últimos anos e que nada indica que vaia diminuír a curto ou medio prazo. O prototipo consiste nun conxunto de dispositivos que detectan a vespa, localizan a súa posición e elimínana. “Empregamos un láser de alta potencia que se orienta automaticamente cara a avespa e actívase para queimala”, explicaron os autores do enxeño.
Outra das propostas máis salientábeis foi sen dúbida LearnForDown, un achado para optimizar o ensino da lectoescritura en persoas con síndrome de Down. Trátase, máis en detalle, dunha aplicación móbil para tabletas argallada en orixe de maneira específica para o dito colectivo e que inclúe tres partes principais de seu. Por unha banda, ten un sistema hardware que permite xogar coa aplicación, logo está a aplicación en si e logo unha parte que é a web na que os mestres e mestras poden ir vendo os avances do cativo, os erros máis frecuentes, o tempo que empregan. Segundo explicou o equipo impulsor do sistema, a idea xurdiu porque unha das desenvolvedoras integrantes colabora cunha asociación de síndrome de Down da Coruña, e grazas a isto comunicáronlle a inexistencia de aplicacións axeitadas para aprenderlles ás nenas e nenos con estas características a escribir.
LPRODays incluíu tamén unha entrega de premios que correu a cargo do Centro das Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, e a empresa Cardiovascular Galega. O primeiro premio Gradiant foi para SimulPulse, un pulso simulador para o adestramento na medición da frecuencia cardíaca dirixido á detección de patoloxías; o segundo para Securroad, un sistema de alerta ao condutor baseado na lectura de sinais da estrada, e o terceiro para BeeShield.
No caso de Cardiovascular Galega outorgaron o primeiro premio a HearnMySign, un tradutor bidireccional castelán-lingua de signos empregando o recoñecemento de vídeo.

PUBLICIDADE