Presentada no CISTI unha ferramenta para levar aos móbiles dos peregrinos a información sobre o Camiño

venres, 18 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Estes días son días de innovación entrecruzada para Compostela. Máis polo miúdo, para a súa Universidade, que mantén aberta dende o mércores 16 a quinta Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información (CISTI 2010), unha xuntanza de especialistas TIC de eido galego, portugués e español e que ten como centro de operacións o Hotel Congreso. Neste emprazamento, entre outras cousas, estanse a pór en debate uns 30 proxectos de teses de doutoramento perante seis tribunais integrados por profesores universitarios do ámbito peninsular. O evento, que está dirixido polo profesor Manuel Cota (Universidade de Vigo), busca interconectar en todo o sentido da expresión, de aí que se ofrezan conexións por videoconferencia con entidades educativas de Brasil e Bolivia.
Entre outras achegas, a conferencia serviu que o Grupo de Investigación de Sistemas Intelixentes da USC dese a coñecer un recurso para o manexo da información turística ligado ao Camiño de Santiago e que ten grandes posibilidades no que se refire ao asesoramento dos peregrinos a través de dispositivos móbiles.
Isto está a propiciar a creación de comunidades de internautas vinculados ao Camiño que empregan os seus aparellos (teléfonos, PDAs, etc) para introducir e consultar información de todo tipo sobre o itinerario. “Manexan información xeográfica que poden anotar para almacenala na comunidade virtual, de xeito que os seus membros poidan facer uso dela”, informou Manuel Lama, do devandito Grupo da USC. Ademais da comunidade virtual, o recurso pon en xogo unha infraestrutura de servizos web que permite aos usuarios acceder a toda a información dispoñible na comunidade virtual en calquera intre e en calquera lugar.
Máis datos sobre o CISTI
Segundo informa a Universidade de Santiago, a CISTI é un evento técnico-científico anual que ten como obxectivo presentar e discutir as innovacións, experiencias e coñecementos no campo dos sistemas e tecnoloxías da información e as súas aplicacións.
Nesta edición están sendo presentadas 270 comunicacións procedentes de diversas universidades e empresas de España, Portugal e Latinoamérica. Todas elas seleccionadas entre 400 candidaturas a través dun sistema de tripla avaliación blindada.
O encontro está organizado polo Gist. Idega da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías de Información, sendo socios a Universidade Fernando Pessoa, a de Vigo, o Instituto Politécnico de Cávado e Ave, a Universidade de Estremadura, a Politécnica de Madrid, a Trás-os-Montes e Alto Douro, a Facultade de Enxeñaría da Universidade de Oporto, o ISEGI da Universidade Nova de Lisboa e a Universidade Tecnolóxica Nacional de Arxentina.

PUBLICIDADE