Premios Antilingua Galega: escolmando na Rede as axudas que nunca recibiu o idioma

mércores, 7 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Todos nos temos preguntando algunha vez para que serven os premios e, en xeral, os recoñecementos. Xeralmente a persoa que o recibe non vai facer mellor o seu traballo polo feito de ter unha medalla no pescozo. En tal caso, cabe a posibilidade de que o faga peor. Pero que pasa cando unha persoa, empresa ou institución que está a facer algo mal recibe un anti-recoñecemento? Debemos ter en conta a opción de que o seu labor varíe ou se corrixa. Case con toda probabilidade non mudará, pero en calquera caso será un punto a favor do espírito crítico, propio e alleo.
Disto e de moitas cousas máis é do que tratan os Premios Antilingua Galega, o reverso dos premios oficiais arredor da fala e que, de xeito paradoxal, comparten en boa medida alicerce: defender e preservar a nosa cultura. A fin de contas, até os razzies (os antiOscar) buscaban que se fixeran mellores filmes.
Os Premios Antilingua Galega están convocados por Galiciaprofunda e van ligados de xeito estreito á Internet. De feito, é a través da web do colectivo e do correo electrónico galiciaprofunda@gmail.com como se están a achegar as propostas das categorías e a organizar as participacións e votacións dos internautas. Como o seu propio nome indica, a idea do certame é salientar a figura de quen fixo menos pola normalización do galego. Abránguese todo: persoas, institucións e administracións, enleadas en maior ou menor medida en seguir identificando a nosa fala con conceptos como pobreza, ruralidade ou analfabetismo.
Non é casualidade que a iniciativa coincida coa celebración do 17 de maio, o Día das Letras Galegas: buscábase unha data de gran significado. Polo de agora, xa podemos ver na web categorías como a Boina de Ouro (onde se premia ao personaxe histórico que máis perseguiu ó galego, estando nomeados nesta sección os Reis Católicos e máis Franco) ou o Sacho de Ouro, que é o apartado dirixido a recoñecer aos personaxes que menos teñen feito pola lingua nos últimos tempos. Tamén hai unha sección chamada Fouciño de ouro que salienta o feito máis negativo do ano en materia de promoción do galego.

PUBLICIDADE