Os empresarios de Rianxo ofrecen aforros, promocións e campañas a través da súa app

martes, 12 de marzo do 2024 S. P.

A Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) vén de facer un novo informe sobre as posibilidades que achega á cidadanía a súa aplicación móbil Máis Rianxo, unha ferramenta axeitada, en palabras da patronal, para permitir que os clientes aforren ao tempo que apoian ao comercio local. “Coa nosa aplicación”, sinala a entidade, “os clientes poden acceder a unha ampla variedade de negocios locais que ofrecen bonificacións especiais, co engadido extra de que unha parte das compras están bonificadas e, polo tanto, xeran diñeiro que se acumula nos moedeiros virtuais, listo para ser empregado como desconto en vindeiras adquisicións”.
Ademais, engaden, “os usuarios non só aforrarán nas súas compras, senón que tamén estarán ao tanto de todas as promocións, campañas especiais e eventos que ocorren na vila de Rianxo”.
A aplicación Máis Rianxo está dispoñíbel para a súa descarga en dispositivos Android e iOS.
Como lembraremos, a app activouse en maio de 2023 da man da ARE e dende aquela non parou de medrar coa incorporación de novos establecementos asociados. Trátase dun instrumento que contribúe a captar clientes e a manter no tempo aqueles cos que xa se contaba, sinala a ARE, que salienta a importante participación comunitaria posta en xogo arredor da aplicación.
O funcionamento da mesma é simple pero efectivo: “Con cada compra que se realiza nos negocios adheridos, as persoas usuarias acumulan unha porcentaxe de saldo que poderán empregar en futuras compras. Cada establecemento terá o seu propio saldo específico, que os clientes poderán usar para aforrar nas súas compras futuras. O saldo dispoñíbel está listo para ser consultado en calquera momento directamente dende a app, ofrecendo aos usuarios unha visión clara das súas oportunidades de aforro”.
Plataforma Mercarianxo.gal
Ademais, a ARE ten activa o mercado online Mercarianxo.gal, que permite aos establecementos locais vender dende o seu propio posto dixital e sen custe algún. Estas son as vantaxes que ofrece a plataforma:
-Compra e recollida na tenda. O clientes poden facer as súas compras en liña e recoller os seus pedidos directamente na nosa tenda física, ofrecendo comodidade e flexibilidade.
-Pedidos multitienda: Tamén teñen a opción de facer pedidos en varios comercios á vez, promovendo as compras en diferentes establecementos locais.
-Envíos gratis: Comprometidos coa satisfacción dos clientes, ofrecénse envíos gratuítos en todos os produtos.
-Directorio de empresas. O cliente pode usar a plataforma como escaparate no directorio de empresas da ARE, aumentando a súa visibilidade e alcance.
-Cartas e menús de hostalería. Ademais de produtos comerciais, ofréncense cartas e menús para que os locais poidan mostrar pratos e bebidas ao público.
-Servizo Take Away. Para establecementos de hostalería, a ARE ofrece a opción Take Away, facilitando a recollida de alimentos e bebidas preparados para levar.
En palabras da ARE, “Mercarianxo.gal está aquí para axudar aos comercios locais do concello a adaptarse aos novos tempos e crecer, proporcionando solucións de venda en liña flexíbeis e beneficiosas para todos”.

PUBLICIDADE