En Europa será posible instalar aplicacións vía web no iPhone

martes, 12 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Tras anunciar que ían abrir iOS a tendas de terceiros en cumprimento coa Lei de Mercados Dixitais, Apple estivo a dar pasos moi confusos, poñendo e quitando condicións para iso, no que semellaba un tirapuxa coa Comisión Europea, que quixo atar a Apple en curto cunha sanción de 1.840 millóns de euros que pretendía ter un carácter disuasorio.
Aínda que chegou a parecía que Apple ía contrariar á Comisión Europea ao impedir que Epic Games puidese crear a súa propia tenda de aplicacións, tras unha consulta da Comisión decidiron volver ao rego, devolvendo a conta de desenvolvedor a Epic Games Sweden AB, e incluso anunciando agora unha medida que está a pillar ao sector por sorpresa, e que parece dirixida a evitar importantes sancións: será posible instalar aplicacións en iOS de páxinas web, sen contar cunha tenda de aplicacións.
Apple comunicou que na Unión Europea haberá unha maior flexibilidade para distribuír aplicacións, o que incluirá a posibilidade de publicar as aplicacións na propia páxina web do seu desenvolvedor, aínda que para poder gozar desta nova opción, que chegará en primavera, haberá que cumprir cunha serie de condicións, como contar cunha conta de desenvolvedor europea que estivese activa como mínimo 2 anos e ter unha aplicación con cando menos un millón de instalacións en iOS en Europea no último ano. Estas aplicacións deberán pagar unha nova taxa establecida por Apple de 0,50 euros por cada primeira instalación nos últimos 12 meses, librándose deste pagamento o primeiro millón de descargas, e sendo posible que organizacións sen ánimo de lucro, institucións educativas e institucións públicas poidan conseguir unha exención.
Paralelamente Apple tamén flexibiliza as condicións nas que poden operar as tendas de aplicacións de terceiros, de xeito que certas esixencias pasan a ser optativas, dando a impresión de que seguirán a flexibilizar estas condicións nos vindeiros meses en función da resposta que vaian tendo, pois semella que os pasos da compañía de Cupertino están a ser escrutados detidamente para evitar que cometan grandes abusos incluso tras a entrada en vigor da Lei de Mercados Dixitais.

PUBLICIDADE