Premiados pola Cámara de Santiago os novos proxectos 3Drone&Safety e Lux Xperience

xoves, 12 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

A Cámara de Comercio de Santiago e Abanca entregaron este xoves 12 de marzo os premios da sexta edición do Premio Camiño do Emprendemento, co patrocinio da entidade financeira. Foron recoñecidas tres iniciativas empresariais innovadoras e altamente creativas: 3Drone&Safety, Lux Xperience e unha terceira iniciativa de prestación de servizos deportivos impulsada polo emprendedor Marcos Heleno Vidal. Segundo fixeron saber as ditas entidades, as distincións son un recoñecemento que busca visualizar novos proxectos e apoialos, “coa finalidade de axudar á reactivación da economía e o emprego dos trinta e dous concellos da demarcación cameral”.
O premio cubrirá o 50 por cento dos gastos da estadía no viveiro de empresas de Costa Vella durante un ano aos proxectos distinguidos. Os gañadores poderán solicitar as liñas de financiamento presentadas por Abanca con condicións financeiras preferentes. Durante ese tempo, ademais do servizo de aloxamento, infraestrutura e loxística, recibirán servizos de acompañamento, consultoría e asesoramento, coa finalidade de favorecer a súa arrincada.
O xurado composto por representantes da Cámara de Comercio e de Abanca tivo en conta na súa decisión o nivel de desenvolvemento do proxecto, o seu carácter innovador, o volume de investimento, o grao de proxección nacional e internacional, a posíbel xeración de postos de traballo e a experiencia previa dos participantes.
3Drone&Safety
Este proxecto liderado por José David Aldana e Adán Fariña consiste na creación dunha empresa con capacidade para vender software fotogramétrico e en ofrecer servizos personalizados de topografía e fotogrametría.
Marcos Heleno Vidal – Servizos Deportivos
A idea principal deste proxecto, liderado por Marcos Heleno, é a creación dunha empresa deportiva con sede en Santiago que lle permita estender a súa actividade a toda Galicia. O seus servizos dirixiranse ao deporte en xeral, partindo da base do fútbol que é onde o emprendedor ten máis experiencia.
Lux Xperience
Este proxecto, liderado por Andrés Rodríguez, Anxo Boado, Daniel Castro e Daniel Mourelos, consiste no deseño e comercialización de experiencias turísticas a enclaves culturais mediante o uso da tecnoloxía da realidade mixta a través dunhas gafas que permitan ao usuario ver o entorno real que lle rodea mediante a tecnoloxía da Realidade Aumentada e a Realidade Virtual.

PUBLICIDADE