Premiado polos enxeñeiros de Telecomunicación o proxecto da UVigo para a loita contra o lixo mariño, LitterDrone

venres, 1 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Entre as iniciativas que van ser recoñecidas hoxe, no marco da Noite Galega das Telecomunicacións do COETG-AETG, figura un proxecto galego que abre novas e interesantes vías de traballo para loitar contra un dos grandes problemas do noso tempo: o lixo mariño. Estamos a falar de LitterDrone, posto en marcha en 2017 pola Universidade de Vigo (Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual, GPI-RV) e liderado polo investigador Fernando Martín, sendo o seu obxectivo “unir o coñecemento do persoal investigador, as empresas e a sociedade” para facer seguimento dos refugallos no mar con drons e tecnoloxías avanzadas para a análise das imaxes obtidas. LitterDrone recolle hoxe o galardón ao Mellor Proxecto TIC na gala da Enxeñaría de Telecomunicación, no Hotel Los Escudos de Vigo. O xurado valorou “a calidade e grao de innovación”.
A iniciativa, na que tamén xogan un papel relevante o grupo I-markt (Ecobas) da Universidade de Vigo, a empresa de material topográfico Grafinta e a Asociación Española de Basuras Marinas, funciona do seguinte xeito: aplicando as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados para conseguir imaxes que logo procesaranse para a detección de posíbeis residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras. Isto permitirá localizar o lixo e axilizar o traballo do persoal encargado da limpeza.
Sobre o galardón, Martín, salienta o feito de que sexa un premio concedido por expertos en tecnoloxía, que se outorga en base a unha descrición técnica dos traballos presentados. Tamén salienta o feito de que se trata dun premio a proxectos con beneficio social, “neste caso é moi claro que a resolución de problemas ambientais supón un beneficio á sociedade”. Ao fío disto, sostén que a aplicación da tecnoloxía ao medio ambiente “é unha grande axuda á resolución dos problemas ambientais, existen xa outros exemplos e seguro que aparecen moitos máis”.
Balance
Tras algo máis dun ano de vida do proxecto, o profesor Martín fai un primeiro repaso do primeiro treito do camiño. Segundo fai saber, logo de moitas probas “establecemos un protocolo para a realización de campañas de campo, o que inclúe elixir o tipo de dron, a altura do seu voo ou as cámaras que interesa empregar”. Asemade, os investigadores implicados aprenderon como procesar de maneira eficaz os milleiros de fotografías individuais obtidas para xerar unha representación global da zona de interese, sexa unha praia ou parte dela. Martín sinala tamén que “unha vez realizado ese primeiro procesado ou preparación, as imaxes globais obtidas son procesadas por un software que elaboramos nos mesmos”, unha aplicación que se atopa en fase beta, pero que se agarda poder facela chegar en breve a unha versión definitiva.

PUBLICIDADE