Premiado en Santiago un vídeo sobre a morte de ampla pegada no YouTube

luns, 13 de xuño do 2016 Redacción

Os días pasados celebrouse en Santiago a terceira edición do RSEncontro, un evento de alcance estatal dirixido a pór de relevo o traballo daquelas persoas, entidades e empresas cun firme compromiso a prol da ética empresarial e a actividade corporativa solidaria. No marco da actividade foi elixido como Mellor Proxecto de Responsabilidade Social Corporativa o vídeo Acompañámoste no teu camiño, do Grupo ASV Servizos Funerarios, con sede central en Alacante. A responsábel da área de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) de ASV, Sonia Carricondo, foi a encargada de presentar esta campaña creada co obxectivo “de concienciar na sociedade sobre o ciclo da vida, desde a sensibilidade e as ligazóns emocionais que van máis aló da morte”. O vídeo guindouse á Rede en decembro de 2015 e nunha semana acadou 200.000 visualizacións. En pouco máis dun mes, superou o medio millón.
Segundo informou Sonia tralo seu lanzamento converteuse nun dos cinco vídeos máis populares de YouTube en España, compartindo ranking con compañías e marcas como GoPro, Amstel ou a propia YouTube. Ademais, foi finalista nos Premios ALCE 2016, galardóns anuais que entrega a Asociación de Empresas de Publicidade da Provincia de Alacante, nas categorías de Campaña Global Online e Spots. Segundo fixo saber a empresa en Santiago, un dos grandes obxectivos foi “sensibilizar, a través da TV e a Internet, sobre un tema tan difícil e en ocasións mesmo tabú, como é o tema da morte”. O vídeo forma parte dunha campaña con páxina web de seu, entucamino.es.
Sonia Carricondo amosou en Santiago a satisfacción da empresa que representa: “Estamos moi orgullosos deste recoñecemento por parte dun público especializado no sector da responsabilidade empresarial, xa que esta campaña aspira a acompañar e a mellorar a nosa contorna visualizando un tema tan delicado e sensíbel na nosa sociedade como é o da morte, a despedida dos nosos seres queridos e a superación do doo, o reto principal da nosa compañía”.
O evento RSEncontro celebrouse entre o 9 e o 11 de xuño no Centro Abanca Obra Social da Praza de Cervantes. Contou con presenza de firmas e profesionais estatais pero tamén con representantes do sector do emprendemento social e de consumo responsábel da nosa terra, por exemplo as firmas Saraiva Senior, Fundación Lonxanet, Galletas Daveiga, Discamino, Vojo, Arqueixal e Promove.

PUBLICIDADE