Premiada a ferramenta galega VirtualTEC para facilitar a comunicación das persoas con diversidade motriz

venres, 28 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O VirtualTEC, ferramenta desenvolvida por Jonathan Juncal (enxeñeiro técnico en Telecomunicación na especialidade de Son e Imaxe) para permitir, a través dun teclado virtual, a comunicación das persoas con diversidade funcional e motriz, vén de ser obxecto dun importante recoñecemento. Máis en detalle, acadou o accésit ao Mellor proxecto fin de carreira da Fundación Universia e Vodafone. Jonathan Juncal recibiu o galardón (o segundo premio do certame) o pasado xoves en Madrid, onde tivo ocasión de explicar as vantaxes e funcionalidades da súa aplicación móbil (un teclado virtual que permite interactuar coa contorna a persoas que viven practicamente no illamento), que representa en si mesma un novo exemplo de loita contra a exclusión dixital.
A ferramenta (cuxo desenvolvemento contou coa axuda do profesor da Universidade de Vigo, Enrique Costa e máis coa directora do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela, Fátima Mª García), foi recoñecida por Universia e por Vodafone polo seu gran valor á hora de “favorecer a accesibilidade e a integración sociolaboral das persoas con discapacidade, e máis a integración na vida diaria”.
Juncal, que foi finalista entre os 41 proxectos presentados, salientou na cita en Madrid todo o aprendido no proceso, co proxecto e coa experiencia de ter participado neste certame e cos proxectos posteriores nos que estivo traballando. As fundacións Universia e Vodafone outórganlle 3.000 euros como segundo clasificado, para os que Jonathan, di a Universidade de Vigo, xa ten cometido: o mestrado de Enxeñería Telemática no que vén de matricularse.

PUBLICIDADE