Portugal quere levar software libre aos computadores máis vellos das súas escolas

luns, 31 de outubro do 2011 Redacción

O Ministério da Educação e Ciência (MEC) de Portugal vén de informar da súa intención de acadar un panorama integral de software libre para as súas escolas, mesmo para aquelas que dean acubillo aos computadores máis vellos. Con este obxectivo, e tendo no punto de mira os computadores máis antigos, o Goberno de Portugal fixo saber os días pasados que non se inclúe entre os seus vindeiros pasos o de seguir pagando a renovación das licenzas que permiten o emprego do software privativo, máis polo miúdo de Microsoft, incluído nos preto de 50 mil ordenadores achegados entre os anos 2004 e 2007, computadores que, por outra banda, deberán migrar a sistemas Linux.
Segundo se conta en Público Portugal, a medida responde aos axustes do Goberno luso para a contención do gasto público, sendo esta de apostar polos programas abertos unha boa maneira de aforrar en licenzas, procesos de renovación que en anos anteriores obrigou á Administración a pagar máis de un millón de euros. A maiores, cómpre ter en conta que por tratarse de computadores antigos, non teñen as capacidades precisas para seguir dando acubillo ás novas versións dos programas de Microsoft, cousa que atoparía arranxo inmediato de apostar por unha migración xeneralizada cara a sistemas libres, recursos que (aínda que non sempre) requiren polo normal capacidades máis miúdas.

PUBLICIDADE