Pontevedra pon en marcha unha plataforma para intercambiar libros de balde entre as familias

venres, 22 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Pontevedra activou esta semana unha plataforma para favorecer o intercambio de libros escolares, unha medida que vén moi a conto ante a relativamente próximo curso escolar e ante a constatación de que unha iniciativa coma esta pode achegar segundas e terceiras vidas, entre familias pontevedresas que o precisen, a uns libros que doutro xeito ficarían en desuso. Estamos a falar da plataforma Trocalibros, que xa ten enderezo en liña, trocalibros.pontevedra.gal e que está concibida para todos fogares dispostos a permutar manuais que non entran no banco de libros escolar.
A iniciativa vén da man das concellarías de Benestar Social, Educación e Novas Tecnoloxías e ten a súa orixe nunha evidencia: a de que existe unha relevante porcentaxe de poboación que fica fóra do sistema de préstemo de libros da Xunta de Galicia (e do banco de libros escolares) pero que están en disposición de intercambiar os libros das súas crianzas, “ampliando a vida útil dos mesmos, ademais de ter outras avantaxes como reducir a cantidade de refugallo, crear unha conciencia social (e escolar) fronte ao consumismo, e construír unha sociedade máis sustentábel e solidaria”, segundo informaron as ditas concellarías, que tamén salientan da plataforma o doado do seu manexo e a súa autonomía (aínda que está supervisada polos servizos municipais).
Os catro requisitos necesarios para participar son os seguintes: que os escolares cursen estudos en centros educativos da cidade, que participen familias con fillas/os de entre terceiro de Primaria e segundo de Bacharelato, que os libros estean en bo estado e que non se requira cantidade económica algunha polos manuais (o intercambio é de balde).
O Concello aproveitou para facer entre as familias un chamamento a participaren, pois “o seu éxito será maior cantas máis familias tiren proveito da plataforma”.

PUBLICIDADE