Pontevedra celebra o 11-F cun encontro de divulgadoras científicas, un concurso escolar de relatos e roteiros

luns, 24 de xaneiro do 2022 S. P.

O Concello de Pontevedra, a través da concelleira de Cultura Carme Fouces, presentou as actividades organizadas da man de GCiencia para festexar o 11 de febreiro, Día da Muller e a Nena na Ciencia. Fouces debullou as actividades que formarán parte da programación na compaña da xornalista de GCiencia, Begoña Márquez, incidindo na gran cantidade de accións que inclúe a folla de ruta do 11 de febreiro. Fouces, Márquez, dúas divulgadoras científicas e unha profesora do IES Valle Inclán conformarán o xurado dos certame de relatos curtos que entregará os premios o propio día 11 no evento festexado ás 12.00 horas no Pazo da Cultura.
Actividades
.Encontro de Divulgadoras Científicas. Pazo da Cultura, 11 de febreiro, ás 12.00 horas
Reflexións e intercambio de experiencias de catro científicas ao redor da divulgación da ciencia: as novas canles de comunicación (YouTube, Twitch, plataformas streaming…), o achegamento á xente nova, a fenda de xénero na ciencia e tamén no eido da divulgación, a promoción das vocacións científicas, etc. Con elas estará, como anfitrioa, a concelleira de Cultura, Carme Fouces. Contarase coa presenza de Carmela Cela Rodríguez (responsábel da canled Ecos de Xigantes), Paula Otero Sánchez (responsábel da canle Ciencia e Tal), Alba Aguión Tarrío (divulgadora científica e monologuista), Andrea Muras Mora (Ciencia Miúda),
.Concurso de Relatos Curtos A Muller e a Nena na Ciencia, dirixido a alumnas e alumnos de Secundaria (ESO e FP Básica).
O relato terá unha extensión mínima de 400 palabras e unha máxima de 500.
As narracións xirarán ao redor de temáticas inspiradas no 11F como: a relación das nenas coa ciencia, o traballo das nosas científicas e investigadoras e o seu rol como referentes, a importancia da divulgación científica ou como combater a fenda de xénero na ciencia.
O idioma empregado será o galego.
O prazo de presentación de traballos finaliza o xoves 27 de Xaneiro, ás 15.00 horas.
Os relatos terán que enviarse por correo, en formato PDF o word, ao enderezo electrónico 11f.gciencia@gmail.com , co asunto “Concurso relato curto A muller e nena na Ciencia”.
O ditame do xurado darase a coñecer o 10 de febreiro.
Os premios serán os seguintes:
1ª Premio- Tablet Primux Siroco Y
2º Premio- Altavoces Primux SK21 2.1 negros
3ª Premio- Powerbank Primux 2600MAH Portátil
A entrega de premios será o día 11 de febreiro, no marco do acto central do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia: Encontro de divulgadoras científicas, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra.
.Roteiro A Muller Galega na Ciencia. A Pegada das Mulleres Científicas en Pontevedra.
Dirixido ao público xeral e rapazada a partir de 12 anos. Terá catro quendas os sábados 12, 19 e 26 de febreiro e 5 de marzo. Horario 11.00 horas. Actividade de balde pero con reserva a través do apartado apúntate da web do Concello.
O percorrido porá en valor e visibilizará a media ducia de mulleres científicas e investigadoras vencelladas a cidade de Pontevedra e reivindicará o papel da muller galega na ciencia, con múltiples exemplos/referentes pasados e presentes. Mulleres que foron quen de abrirse paso en espazos ocupados tan so por homes ata que elas chegaron.
As pontevedresas son:
-Alicia Estévez Toranzo (Pontevedra, 1955). Microbióloga e investigadora-referente en patoloxía e acuicultura. Unha das primeiras académicas da Real Academia Galega das Ciencias.
-Isabel Aguirre de Úrcola (Vilagarcía, 1937). Arquitecta e paisaxista, rediseñou ambientalmente a Illa das Esculturas. 1ª muller en recibir o Premio Nacional de Arquitectura Manuel de la Dehesa, en 1997.
-Mª Inmaculada Paz Andrade (Pontevedra, 1928). Referencia internacional en Microcalorimetría, foi a primeira catedrática da Facultade de Física da USC. 1ª muller que recibiu a Medalla de Ouro de Física da Real Academia Española de Física.
-Mª Alicia Crespí González (Pontevedra, 1922-Madrid, 2013). Catedrática de electrotecnia, luminotecnia e técnicas de acondicionamento e acústica.1º catedrática dunha escola técnica superior en España: a ETS de Arquitectura de Madrid.
-Elisa Patiño Meléndez (Chiclana) (Pontevedra, 1890-1919). 1ª muller en voar en Galicia e España e probablemente en Europa. Foi o 12 de outubro de 1913.
-Concepción Arenal Ponte (Ferrol, 1820- Vigo, 1893). Escritora, xornalista e pioneira na loita dos dereitos das mulleres, dos presos e das clases menos favorecidas. Foi a 1 muller visitadora de cárceres, en 1863; 1ª muller premiada pola Real Academia de Ciencias Morais e Políticas.

PUBLICIDADE