Pontevedra crea unha web específica para axudar ás vítimas de violencia machista

martes, 17 de xaneiro do 2017 Redacción

Dende o Concello de Pontevedra achégase unha nova canle para emprestar axuda ás cada vez máis numerosas e visíbeis vítimas de violencia machista. Tomando conciencia deste problema tan grave que sofren as mulleres, xorde a nova páxina igualdade.pontevedra.gal que se inaugura co teléfono 016 de balde e sen pegada na factura. E que atopamos nesta web? Pois dende recursos para atención ás vítimas, os órganos de xestión da Concellaría (Consello da Muller ou a Mesa da violencia) e os programas educativos co material docente que se elabora, entre outros.
Este novo espazo do Servizo de Igualdade foi creado por vez primeira cunha meta específica: dar meirande relevancia á dita área de Igualdade e facer fincapé na solución da violencia machista entre a veciñanza de Pontevedra.
Cómpre lembrar que esta ferramenta abre informando que o teléfono 016 (número gratuíto ao que pode chamar calquera muller maltratada) non deixa rastro na factura. Este slide será permanente na páxina e ao seu carón aparece o contacto do Centro de Información á Muller de Pontevedra cos diferentes servizos que empresta.
Asemade, achégase unha sección de novas e as imaxes da última campaña feita pola concellaría, neste caso é a do #prinacoso, do pasado 25 de novembro.
Na parte final da páxina hai un formulario para enviar suxestións, preguntas… ao servizo de Igualdade así como o pase ás páxinas de Redeaxuda e Benestar Social (en construción).
Emporiso, no menú de igualdade.pontevedra.gal explícase tamén que é o CIM (Centro de Información á Muller) e os servizos que empresta: xurídico, laboral, social e psicolóxico. En cada unha das pestanas pódense atopar recursos vinculados á denuncia da violencia machista, teléfonos de urxencias (Policía, Garda Civil, centros sanitarios…) e outros documentos como as memorias do CIM (a do pasado ano está en elaboración).

PUBLICIDADE