Pontevedra convoca á veciñanza para atopar o selfie máis famoso do Nadal

luns, 27 de decembro do 2021 S. P.

O Concello de Pontevedra (a través da Concellería de Promoción Económica e Turismo) e a plataforma #PonteLovers engadiron nestas datas sinaladas do remate do ano unha iniciativa máis ao paquete de obradoiros e actividades que espallaron polo termo municipal, co obxectivo de dinamizar a cidade e máis todas as parroquias. O departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco, en colaboración coa axencia Icon, convidou á veciñanza a participar nunha campaña para atopar O selfie máis famoso deste Nadal, baixo o cancelo #VideoSelfiePontevedra.
Tal e como sinala a edil do PSOE, “os cidadáns que se acheguen ata a praza de España até o martes 4 de xaneiro poderán probar unha espectacular cámara panorámica de 360 graos, gravar un divertido vídeo, recibilo ao instante no seus móbiles e, por suposto, compartilo nas súas redes sociais”. E engadiu: “Temos que seguir vivindo estas festas con moita ledicia e queremos que a xente retrate o Nadal de Pontevedra como non o fixo nunca antes”.
Este innovador photocall da iniciativa O selfie máis famoso do Nadal ficará aberto en horario de 12:30 a 20:00 horas, agás os días 24 e 31 de decembro (nos que abrirá só de 12:00 a 16:00 horas). As fins de semana do 25 ao 26 de decembro e do 1 ao 2 de xaneiro non funcionará.
Moitos dos vídeos e autofotos (aqueles máis rechamantes e divertidos…) serán tamén compartidos nas redes sociais de Visit Pontevedra.

PUBLICIDADE