Pontevedra comeza a integrar a aplicación para frear a violencia nos centros de saúde

venres, 7 de setembro do 2018 Redacción

O Servizo Galego de Saúde quere frear con novas tecnoloxías a escalada de agresións nos centros de saúde. Con este motivo, impulsa unha plataforma informática chamada Acode que se dirixe, en palabras do Goberno galego, a dar soporte na prevención e resposta temperá perante a violencia sobre os profesionais do SERGAS.
Esta plataforma foi instalada os días pasados nos equipamentos informáticos do centro de especialidades de Mollabao (Casa do Mar), en Pontevedra, e en datas vindeiras será integrada tamén no Hospital Provincial e máis no centro de Montecelo, un dos máis conflitivos da nosa terra polo seu alto nivel de incidencias e casos de agresións contra traballadores. Previamente a aplicación instalouse tamén no Hospital Comarcal de Vilagarcía.
A ferramenta ten capacidade para lanzar alertas en situacións de risco e abrangue funcións que permiten actuar axiña ante as mesmas, e tamén ante casos de urxencia. A idea é posibilitar que as novas tecnoloxías garantan a continuidade do labor dos profesionais do SERGAS, “fomentando unha cultura de seguridade e prevención e contribuíndo a conseguir unha contorna laboral libre de violencia”.

PUBLICIDADE