Pontevedra amosa no foro GreenCities o importante papel despregado polas TIC na súa transformación urbana

xoves, 8 de xuño do 2017 Redacción

Pontevedra amosou o seu modelo de cidade smart, sustentábel e segura no Foro de Intelixencia e Sustentabilidade Urbana, o evento Greencities que se celebrou esta semana (até hoxe) en Málaga. A estratexia pontevedresa a prol das novas tecnoloxías para acadar unha cidade mellor xestionada foi presentada polo propio alcalde, Miguel Fernández Lores, quen compartiu mesa de debate cos rexedores de Cáceres (Elena Nevado), L´Hospitalet de Llobregat (Nuria Marín), Málaga (Francisco de la Torre), Jaén (Javier Márquez) e Vila-Real (José Benlloch). Segundo fixo saber Fernández Lores, “as cidades intelixentes son as que fan que as persoas que viven nelas sexan felices”. Asemade, engadiu que as novas tecnoloxías da información son unha ferramenta que acompañan ás decisións políticas, “as que guían o modelo a seguir”.
Na mesa redonda desenvolvida este mércores, o rexedor pontevedrés amosou o papel despregado polas ferramentas dixitais na transformación urbana de Pontevedra, hoxe en en día unha cidade máis limpa, accesíbel e amigábel. Lores coincidiu co seu homólogo de Jaén, Javier Márquez, en que as TIC “teñen que estar ao servizo das persoas”. Por certo que o alcalde da cidade andaluza recoñeceu no debate estar moi ao tanto do modelo da cidade do Lérez, que, por certo, estalle a servir de referencia á súa equipa de Goberno para o proceso de humanización de Jaén, arestora en marcha.
A alcaldesa de Cáceres, pola súa banda, sinalou que a cidade estremeña é a primeira do ámbito estatal en ter controlado telematicamente o 100% dos seus espazos verdes. No debate, a maiores, a alcaldesa de L ́Hospitalet de Llobregat reivindicou o concepto “smart social city” e o rexedor de Málaga, pola súa parte, salientou proxectos locais nos que as TIC controlan servizos públicos como por exemplo o abastecemento de auga. O alcalde de Vila Real, por último, mostrou a súa confianza na innovación e na tecnoloxía para definir marcas propias que fagan máis doado o desenvolvemento económico, cultural e social da súa cidade, que duplicou a poboación nas últimas décadas.

PUBLICIDADE