Pontevedra activa unha web que aglutina a actividade cultural dos seus recintos e teatros

mércores, 6 de outubro do 2021 S. P.

O Concello de Pontevedra presentou esta semana un novo servizo tecnolóxico para a acurtar distancias entre a cidadanía e a cultura: o Telescopio Cultural. Será, sinalou a edil Carme Fouces, “un referente para estar ao tanto da actividade que teña lugar na cidade”.
Con formato de páxina web, unifica a información que antes aparecía na xa extinta páxina do Pazo da Cultura, no apartado de Axenda Cultural da web do Concello e na páxina principal deste. O Telescopio cultural, pendente dos “últimos retoques”, está dispoñíbel en cultura.pontevedra.gal.
Recolle a actividade do Pazo da Cultura, do Teatro Principal e do Recinto Feiral.
Conta tamén cun formato revista semestral, malia que Fouces recoñeceu que o primeiro número chega “con algo de atraso” por mor dos cambios permanentes nos aforos e as restricións sanitarias e tamén polas obras do Teatro Principal, sinalou a concelleira. A revista está dispoñíbel no Consistorio, na Casa da Luz, no Pazo da Cultura e no Teatro.

PUBLICIDADE