Pontevedra acolle a segunda edición do seu Gaming na Rúa

venres, 1 de abril do 2022 S. P.

A segunda edición do Gaming na Rúa levarase a cabo o sábado 9 de abril ás 10 horas no Centro Leste de Pontevedra rematando co final do día.
Organizada pola asociación pontevedresa Gaming Troop coa colaboración do Concello de Pontevedra, a nova xornada incluirá un torneo de Super Smash Bros. Ultimate con 40 prazas individuais e 20 prazas para equipos; unha estación onde probar o xogo de realidade virtual Beat Saber, un posto de simulación de carreiras de Sim Racing e diversas consolas retro da man da asociación estradense Ocionautas.
Gaming na Rúa nace coa vontade de converterse nun eixo central para os amantes dos videoxogos, unha cita interxeracional para os xa iniciados no mundo dos polígonos e os píxeles, mais tamén para os que sintan a curiosidade de ver e probar sorte nalgún dos torneos que propoñen desde Gaming Troop.
As participantes do torneo de Smash Bros. Ultimate deben proceder co seu rexistro a través da páxina web e pagar 2 euros de inscrición para competir en solitario ou un euro por persoa para competir por equipos. En total haberá 300 euros a repartir entre os sete primeiros postos, que levarán unha cifra fixa máis unha porcentaxe do bote da inscrición.
Cómpre engadir que alén deste torneo, non será precisa ningunha inscrición para xogar co resto de consolas, nin existe un mínimo de idade establecido. Serán respectadas todas as medidas sanitarias actuais, como o uso da máscara en interior e tamén haberá xel hidroalcólico a disposición dos presentes.

PUBLICIDADE