Pontevedra achega unha aplicación electrónica para a xestión tributaria
xoves, 22 de outubro do 2020
O
Concello
de Pontevedra achega este mes de outubro unha aplicación electrónica
desenvolvida para facilitar a xestión tributaria a nivel municipal.
A ferramenta foi explicada nos seus detalles pola concelleira de
Réxime Interior e portavoz do Goberno pontevedrés, Anabel Gulías,
que lembrou que se trata, en termos concretos, dun apartado
específico operativo dentro da Sede Electrónica na páxina web
municipal e que permitirá á cidadanía facer cousas como domiciliar
recibos, fraccionar os pagos, autoliquidar impostos e recibir
notificacións vía SMS sobre a posta ao cobro dos recibos. O uso
desta aplicación está suxeita ás fórmulas de autentificación de
Clave Dixital.
Anabel
Gulías engadiu que esta aplicación comeza permitindo a
autoliquidación dos impostos do ICIO, cemiterios e transportes
especiais e que a idea “é ir aumentando paulatinamente todos os
servizos que se poidan autoliquidar de xeito que sexa máis sinxelo e
reduza a atención presencial”. Tamén lembrou que a posta en
marcha deste servizo abéirase ao obxectivo do Goberno municipal de
modernizar a administración e que está co-financiada a través do
fondo europeo FEDER no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano
Sostible e Integrado de Pontevedra.