Ponteareas estrea aplicación móbil para estreitar comunicación coa cidadanía

venres, 8 de xullo do 2016 Fernando Sarasketa

O Concello de Ponteareas presentou este venres 8 unha aplicación móbil de seu para facilitar todo tipo de comunicacións coa veciñanza. A ferramenta, elaborada con medios propios polo Departamento de Informática da Concellería de Novas Tecnoloxías e inserida no marco do proxecto local Ponte Innova, está dispoñíbel en libre descarga para móbiles iOS ou con sistemas Android. A aplicación foi dada a coñecer polo responsábel máximo da Concellería, Benito Márquez, que salientou moi positivamente o traballo e o esforzo despregado polo dito Departamento (cuxos integrantes chegaron a investir parte do seu tempo libre en levar adiante a aplicación) e fixo fincapé nas vantaxes e e funcións da ferramenta, que foi concibida basicamente para achegar a institución municipal á veciñanza de Ponteareas e para dotala, amais, de meirande transparencia.
“A veciñanza poderá coñecer as novidades do Concello día a día coa comodidade dun móbil”, explicou Márquez, que destacou a sinxeleza da interface despregada de cara a levarnos directos (unha vez que esteamos dentro) cara as novas e as comunicacións que a diario saen dende o Concello, “coas opcións habituais de difusión nas redes sociais máis coñecidas”, dixo.
Segundo engadiu, a principal función de app será manter informada á cidadanía das novidades do Consistorio. Así, “cada vez que sexa publicada unha nova, aparecerá unha notificación ao usuario, a cal pode ser limitada polo mesmo”. Ademais, explicou, “poderemos acceder á axenda de eventos organizados polo Concello e as farmacias de garda do municipio”. Tamén fixo saber que a ferramenta “estará en constante actualización para incorporar novas funcionalidades”.
En breve, engadiu, chegarán máis iniciativas tecnolóxicas desenvolvidas ao abeiro do proxecto Ponte Innova. O obxectivo “é conectar a vila coa era dixital, un eido ao que non se lle prestou aínda a debida atención”.

PUBLICIDADE