Ponteareas activa nas redes sociais un concurso para apoiar aos establecementos locais

venres, 24 de abril do 2020 S. P.

O Concello de Ponteareas puxo en marcha este xoves 23, nas redes sociais Instagram e Facebook, unha campaña de apoio ao comercio e a hostalaría local para estes tempos de confinamento e crise sanitaria, e tamén, con vistas ao tempo de desescalada e recuperación económica que veña despois. A iniciativa, que se desenvolve baixo o cancelo #FaiPonteConNós, estase a materializar xa con accións directas para incentivar o consumo nos establecementos locais: un directorio e un concurso.
Por unha banda, creouse un directorio de actividades en funcionamento durante o Estado de Alarma, onde se detallan os servizos e produtos que se ofrecen, se o establecemento conta con entrega a domicilio, etc. A listaxe, informa o Concello, irase actualizando conforme se produza a desescalada da pandemia e outros establecementos poidan ir abrindo. Para figurar os negocios que teñan interese deben solicitalo á Concellaría de Promoción Económica a través de promocioneconomica@ponteareas.gal ou no teléfono 673855422
Ao mesmo tempo, o dito departamento convocou o concurso Eu creo na casa, para dar a coñecer e premiar a creatividade da veciñanza durante o período de confinamento e, ao mesmo tempo, apoiar ao comercio e hostalaría local na súa recuperación económica. No certame establécese unha ducia de categorías: artes plásticas, fotografía, conto infantil, relato, poesía, cómic, artes escénicas, xogos, cociña e receitas. As persoas participantes poden concursar en todas elas. As diferentes creacións serán compartidas desde o 28 até o remate do Estado de Alarma e débense plasmar en textos, vídeos e fotografías, figurando neles, de forma visíbel, o cancelo #FaiPonteConNós.
Outorgaranse dous premios de 50 euros por cada categoría para os participantes que obteñan maior número de gústame. O resto de concursantes participarán nun sorteo de 440 vales de 20 euros. Asi, os premios ascenden a un importe de 10.000 euros que se traducirán en ingresos para o comercio e hostalaría por ese importe, “ademais dun incentivo para un maior consumo nese sector”, en palabras da Concellería.
As bases completas do concurso e sorteos poden consultarse na páxina web do Concello e nas redes sociais da Concellería.

PUBLICIDADE