Ponteareas achega as mulleres ao potencial das TIC para atopar emprego

martes, 7 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A poboación feminina de Ponteareas vai ter ao alcance da man unha actividade para formarse en novas tecnoloxías e en recursos dixitais que contribúan a optimizar o currículo, a empregabilidade e as posibilidades de atopar o traballo ideal. Estamos a falar do Curso de balde de perfeccionamento informático para a busca de emprego, que vén da man da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, que dirixe Verónica Carrera.
A actividade, que xa ten aberto o prazo de inscrición (dende onte e até o 21 de maio) esta dirixida a mulleres maiores de 16 anos. Ao abeiro da programación do plan de igualdade local, Verónica Carrera, ofrece este novo curso totalmente de balde para promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. A primeira quenda será do 22 de maio ao 29 de maio de 10 a 13 horas e a segunda quenda do 24 ao 31 de maio tamén de 10 a 13 horas. A matrícula realizarase online escaneando o código QR do cartaz ou a través do sitio web habilitado.
Carrera explicou que durante estas seis horas de formación achegaránselles ás participantes técnicas e coñecementos que lles faciliten a procura de emprego a través da Rede, facilitándolles sitios web nos que informarse das ofertas de emprego e plataformas nas que inscribirse.
Aquelas persoas que desexen obter maior información deben poñerse en contacto co Centro de Información á Muller (CIM) emprazado no edificio do centro social na rúa Oriente, aberto ao público de nove a tres da tarde de luns a venres.

PUBLICIDADE