#PonteLovers e a APE lanzan un plan de formación innovadora para a desescalada

mércores, 6 de maio do 2020 S. P.

A plataforma #PonteLovers de Pontevedra e a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE) veñen de impulsar un ciclo de sete encontros virtuais coa participación de expertos en xestión empresarial e asesoramentos individuais para 25 negocios ou microsectores. Estas son as principais propostas do plan Reinicia o teu Negocio (#PonteLoversPemes). Financiado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, desenvolverase entre a segunda semana de maio e finais de xuño, coincidindo coa fase 2 da campaña de recuperación das actividades comerciais de proximidade, e pretende dotar aos autónomos e ás PEME de ferramentas “ante un futuro incerto”.
O proxecto da plataforma #PonteLovers e APE-Galicia busca axudar as pequenas e medianas empresas e autónomos a reflexionar sobre as novas estratexias de negocio que cómpre aplicar ante esta nova realidade, poñendo o foco nas metodoloxías máis innovadoras e “individualizando caso por caso”. Así, entre os obxectivos do plan Reinicia o teu Negocio contémplanse os de entender a dimensión dos cambios que se produciron e potenciar a actitude de reacción inmediata, favorecer a reflexión estratéxica en cada comercio e activar e guiar de xeito individualizado ou por microsectores ás PEME de Pontevedra.
Compartindo experiencias, as temáticas
Baixo o lema de Compartindo experiencias, a primeira das accións deste proxecto é un ciclo de sete encontros virtuais con temáticas transversais para o tecido comercial e económico da cidade (a celebrarse tódolos luns e xoves):
1. A nova relación cos clientes: como coñecelos e atendelos.
2. Novos valores: hixiénico-sanitarios, solidariedade, personalización.
3. Novo servizo ao cliente: da personalización á loxística.
4. O equipo comercial e as técnicas comerciais axeitadas hoxe.
5. Novos espazos físicos. Tendencias de imaxe e marketing.
6. Tendencias en comunicación empresarial: dixital e física.
7. Estratexia dixital. Erros a evitar e rendibilidade da inversión.
O ciclo de #PonteLovers e APE estará coordinado polo consultor de negocios e formador en empresas Miguel Ángel Souto Fraga, director de CIMAK Consultores de Ventas e Márketing en Pontevedra, docente en Galicia Business School e APE Galicia, cofundador de Markea-Asociación Galega de Márketing e ex director comercial e márketing de Cerámicas de Sargadelos, La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra e Engel & Völkers Galicia. Para a celebración das xornadas convidarase a profesionais especializados en cada unha as áreas.
O plan Reinicia compleméntase con asesoramento individualizado para 25 negocios ou microsectores. “Estas sesións deben ser singulares, porque cada negocio ou microsector é distinto. A través de dúas vídeo-conferencias con expertos en xestión empresarial, dunha hora cada unha, axudaráselles a enfocar ben a reapertura e a nova saída ao mercado cun plan de relanzamento”, sinalou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco.

PUBLICIDADE