#PonteLovers e AJE Pontevedra introducen ás pemes locais nas novas faces da mercadotecnia

luns, 30 de novembro do 2020 S. P.

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, a través da plataforma #PonteLovers, e a Asociación de Empresarios Novos (AJE) de Pontevedra desenvolverán durante o mes de decembro un ciclo de charlas sobre nova mercadotecnia (marketing) especialmente destinado a emprendedores, pequenos empresarios e profesionais. As conferencias serán impartidas de xeito virtual, a través de Zoom, polo consultor de estratexia e comunicación Javier Varela e celebraranse os días 3, 10, 17 e 22 de decembro en horario de 16.30 a 17.30 horas (uns 45 minutos de charla e 15 minutos para a quenda de preguntas e o debate posteriores).
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, comentou que o obxectivo principal deste ciclo “é o de formar aos asistentes nos cambios que se están a producir no mercado e sobre como as pequenas empresas poden aproveitar e optimizar os seus recursos para ser competitivas e sobrevivir neste contexto”. E engadiu: “Trátase de pequenos cursiños cun carácter eminentemente dinámico e participativo, nos que, á hora de explicar cada un dos conceptos que se presenten, incluiranse exemplos de casos de éxito no emprego de Internet e das redes sociais a nivel profesional”.
As charlas-cursos organizados versarán sobre Tips de Márketing para emprendedores, RRSS para emprendedores, Tips de Iniciación ao Comercio Electrónico e Márketing e Sostibilidade: Una Estratexia de Futuro e Presente. O relator-titor das mesmas, Javier Varela, é consultor en Toctocmedia, axencia especializada en mercadotecnia en liña, estratexia e comunicación. Varela é tamén responsábel de interim márketing en Gradiant-Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións e consultor en EOSA Estratexia e Organización, así como profesor colaborador na Escola de Negocios IESIDE, a Universidade de Vigo e a Escola de Organización Industrial EOI. Asemade, é administrador do blog The Orange Market. As charlas son de acceso libre.

PUBLICIDADE