Ponte nas ondas! convoca o 6º certame de imaxes e podcasts sobre patrimonio familiar (e universal)

luns, 17 de abril do 2023 S. P.

O proxecto galego-luso Ponte...nas ondas! convocou a sexta edición do certame As imaxes do patrimonio, unha iniciativa que consiste en que o alumnado dos centros educativos de ámbalas beiras da raia envíe fotografías antigas xunto cun texto explicativo. O obxectivo é recuperar fotos antigas de orixe familiar, dixitalizalas e acompañalas de contidos que as contextualicen. Coma en anos anteriores, contémplase unha categoría de podcasts.
Un dos obxectivos é que a xente nova poida coñecer moitos aspectos do patrimonio cultural que se encontra documentado nas fotografías familiares. “Con estas imaxes accédese a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas polas novas xeracións”, informaron os responsábeis do proxecto cultural galego-portugués, engadindo que este patrimonio inmaterial é o constituído principalmente por coñecementos, técnicas, formas de organización ou de expresión colectiva xunto coas manifestacións festivas e familiares.
Segundo apuntan, “as imaxes dos álbums familiares conteñen moitas destas manifestacións e vivencias que poden ser descoñecidas polo alumnado dos centros educativos, polo que resulta importante que a xente máis nova coñeza o seu pasado recente e que sexa quen de interpretalo”.
Desde a cuarta edición do certame, o alumnado pode tamén elaborar podcasts sobre as imaxes.
Trátase dun recurso de participación engadido, a través do que o alumnado terá a oportunidade de preguntar ás persoas relacionadas coas fotografías, familiares, veciñanza etc, sobre as instantáneas e o seu contexto.
O certame está dirixido aos centros educativos de Galicia e Portugal. Fóra de concurso poderán participar tamén enviando fotografías persoas e entidades que non pertenzan aos sistemas educativos (o xurado valorará as súas achegas podendo facer mención daquelas imaxes que, ao seu xuízo, sexan salientábeis).
As categorías contemplan as diferentes etapas dos sistemas educativos de Galicia e Portugal. Unha
primeira destinada a Infantil e Primaria, e outra segunda categoría enfocada a alumnado de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos.
Un modelo de ensinanza referente
O programa Ponte... nas Ondas!, impulsado pola asociación cultural e pedagóxica co mesmo nome que coordina o profesor Santiago Veloso, naceu hai 27 anos nos centros educativos do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar co obxectivo de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.
O proxecto é unha iniciativa transfronteiriza que promove o intercambio lingüístico entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ten o apoio tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura), de cuxa colaboración teñen abrollado iniciativas como o Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) ou outras iniciativas que poñen o foco nas novas ferramentas dixitais.
Debido ao seu labor, no ano 2022 o proxecto Ponte…nas Ondas! foi inscrito no Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.

PUBLICIDADE