Pont-Up Store 2017 mostrará o mundo o empuxe innovador de 53 novas firmas

mércores, 31 de maio do 2017 Redacción

Onte presentouse na cidade do Lérez un nova edición (a cuarta) da Pont-Up Store, o espazo pontevedrés por excelencia para amosar músculo innovador e emprendedor (os dous ingredientes básicos do desenvolvemento económico, tecnolóxico e social). A cita, segundo se fixo saber, será os días 22 e 23 de setembro na praza de España. Haberá recinto específico para dar a coñecer a actividade de 53 novas empresas e diferentes demostracións de produtos e servizos e actividades de promoción do espírito emprendedor. O prazo para participar e presentar solicitudes ficará aberto até o 9 de xullo. A intención é superar as 139 peticións acadadas o ano pasado.
O evento vén da man do Campus de Pontevedra (Universidade de Vigo), ao abeiro do proxecto de especialización CREA S2i, co Concello como patrocinador principal. Segundo explicaron na rolda de presentación, Pont-Up Store achegará visibilidade de balde a 53 novas firmas e fornecerá 33 stands, aos que se suma a posibilidade de dinamizar dez das actividades que se levarán a cabo no recinto e outras dez prazas para participar no Puntazo Exprés, no que os emprendedoros poderán expoñer en cinco minutos os seus proxectos ante representantes de empresas relevantes de Galicia.
Na rolda cos medios participaron o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e o deputado provincial Carlos López Font, amais do profesor da Facultade de CCSS e da Comunicación, Pedro Figueroa. Segundo informaron, entre as accións previstas figuran (no Campus, a partir do día 21) unha alborada emprendedora e un FabLab Laboratorio Creativo (un obradoiro de fabricación dixital que acollerá cousas como sesións sobre robótica e impresión 3D, tanto para profesorado como para nenos e nenas, así como un obradoiro dirixido a idear elementos smart para o ámbito urbano).
Xa o venres 22, o Campus acubillará a reunión anual da comunidade WordPress en Pontevedra (Meetup), que promoverá unha serie de actividades formativas ligadas a esta plataforma tecnolóxica destinada á creación, desenvolvemento e mantemento de páxinas web. Entre as accións complementarias tamén se acha unha Xincana Bike, o sábado 23, organizada coa colaboración do Club Ciclista Poio; amais da presentación no espazo da feira da PonteVan, unha food truck desenvolvida por catro centros formativos da cidade coa colaboración da spin-off da Universidade Quantum Innovative.

PUBLICIDADE