Ponse á venda un libro con partituras para gaita galega, por escrito e en MP3

luns, 25 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Co principal obxectivo de preservar a música popular transmitida por medio da gaita galega, a editorial Inquedanzas vén de presentar o libro O Pentafol, do vasco (“con alma de galego”) Alberte Sanmartín Montaña, que escolma máis de 400 partituras escritas para gaita en re e do e os seus correspondentes arquivos de audio en formato MP3.
Sanmartín recolle en O Pentafol unha recompilación persoal de pezas populares para o dito instrumento que pon ao dispor das bandas de gaitas e dos solistas interesados un amplo repertorio “baseado no enxebrismo e a fermosura da música tradicional galega”.
En total, o libro contén ata 418 partituras impresas no método de escritura do, 25 letras de cantigas e 28 imaxes de gaiteiros e vén acompañado, asemade, dun DVD con 478 arquivos de audio en formato mp3 que contén as mesmas partituras en re e todas as pezas gravadas con son de gaita en tonalidade do.
Para o seu proceso de produción, o autor valeuse de diversos programas informáticos de escritura musical para ir escribindo os temas que lles aprendía aos alumnos (tanto aos principiantes como aos máis avanzados), confeccionando, deste xeito, un repertorio básico para o noso instrumento.

PUBLICIDADE