Polo momento EE.UU. manterá as restricións sobre Huawei

venres, 5 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Gina Raimondo é a secretaria de Comercio da nova Administración na Casa Branca

A secretaria de Comercio do Gabinete do novo presidente dos EE.UU., Joe Biden, en resposta a unha serie de consultas escritas sobre compañías chinesas e a súa relación comercial cos EE.UU. por mor da súa incorporación en varias das listaxes negras, recoñeceu que non atopa motivos para excluír a Huawei e outras compañías chinesas da polémica Entity List. Gina Raimondo admite que o bloqueo ás compañías chinesas responde a ameazas á seguridade nacional e a outros intereses, cuestión que non mudou, pese ás presións que están a recibir dende o Goberno chinés para relaxar as restricións actuais.
En vista das declaracións de Raimondo non semella que Huawei vaia poder volver a empregar Android nos seus móbiles, nin a incorporar procesadores de marcas como Qualcomm, facendo complicado que poida manter o seu negocio de smartphones a niveis do pasado, quedando agora como grande incógnita se Honor poderá coller o seu relevo ou se recibirá o mesmo tratamento que Huawei nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE