Política Lingüística prevé unha convocatoria de cursos en liña para preparar os exames do Celga 1

xoves, 12 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar para este ano os exames que acreditan o nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, é dicir, o Celga 1, 2, 3 e 4, que terán lugar, respectivamente, os días 10, 9, 3 e 2 de xuño deste ano.
Para isto, convocou asemade un total de 125 cursos de lingua galega preparatorios para as devanditas probas, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia do pasado día 9 de xaneiro, onde se publica a orde pola que se anuncia esta oferta de formación, voluntaria e gratuíta, dirixida a particulares (adultos) que desexen participar nos cursos e tamén a colectivos, entidades e/ou asociacións interesados en organizalos.
O obxectivo destes cursos é facilitar a participación do maior número posible de persoas interesadas, polo que ademais da convocatoria ordinaria, completa esta oferta de formación cunha convocatoria específica de cursos en liña para preparar a proba do Celga 1, que sairá publicada na web da Secretaria Xeral de Política Lingüística no vindeiro mes de marzo.
Segundo informan dende a entidade pública, “ademais de preparar as probas Celga a través destes cursos, tamén é posible facelo de xeito autodidacta, preparando por libre o programa do nivel do Celga ao que se quere optar”. Tanto para unha opción como para a outra, a secretaría xeral ten na súa web, a disposición da cidadanía, materiais de utilidade para preparar as probas de cada nivel, entre os que se inclúen os manuais da colección Aula de Galego, así como diversos modelos de exames das probas realizadas nos últimos anos.
O prazo para inscribirse nestes cursos remata o vindeiro día 3 de abril.

PUBLICIDADE