Política Lingüística, o Foro Peinador e Bioga reforzan a presenza do galego na innovación empresarial

xoves, 3 de xuño do 2021 S. P.

Este 2 de xuño celebrouse en Santiago (na Reitoría da USC) un acto conmemorativo do Día da Galeguidade Empresarial, impulsado polo Foro Enrique Peinador e a Consellería de Cultura e Educación co obxectivo de fortalecer os vencellos e as ligazóns da nosa lingua co espírito emprendedor e as actividades económicas e transformadoras. A celebración, que tamén conta co apoio (este ano) do Clúster Tecnolóxico Bioga e as tres universidades da nosa terra, contou coa presenza do presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
A cita incluíu a sinatura dun acordo de colaboración entre a Consellería, o Foro Enrique Peinador e Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida) en materia de normalización e promoción do uso da lingua galega.
Valentín García expresou a importancia “desta efeméride que recoñece o compromiso do sector empresarial galego coa promoción social do uso e normalización da lingua propia de Galicia” e saudou que Bioga se sumase ao “crecente número de empresas e entidades empresariais que se incorporan ao Foro Enrique Peinador porque comprenden que a lingua galega é un activo que as beneficia, á vez que exercen a súa responsabilidade social apoiando o idioma da Comunidade onde se radican”. E engadiu: “Estas empresas de éxito que traballan en galego son un referente e un modelo para as que as rodean e teñen un efecto chamada que agardamos que se deixe notar tamén, por extensión, no sector biotecnolóxico galego”.
Xunto co secretario xeral, ocuparon a mesa presidencial do acto o reitor da USC, Antonio López Díaz; o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, e a presidenta de Bioga, Carme Pampín Casal. O acto contou tamén coa participación de Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, e de Carlos Aymerich Cano, secretario xeral da Universidade da Coruña.
Bioga comprométese co galego
Bioga é unha asociación empresarial sen ánimo de lucro constituída en 2012 que aglutina as organizacións integradas na cadea de valor do sector biotecnolóxico con sede en Galicia, buscando a mellora competitiva e a xeración de negocio mediante o impulso de accións e servizos dirixidos ás empresas do sector. Atende a cinco grandes áreas de actuación: crecemento e mellora da competitividade, innovación e impulso de proxectos, emprendemento e financiamento de proxectos, internacionalización e acceso a novos mercados e traballo en rede e intersectorial do sector bio.
En virtude do convenio de colaboración asinado a tres bandas, o clúster comprométese coa promoción do uso da lingua galega tanto nas súas relacións internas como nas relacións empresariais externas cos clientes, así como nas accións formativas que promoven arredor da biotecnoloxía.

PUBLICIDADE