Política Lingüística e Xuventude entregan os premios da edición 2022 de Lingua de namorar
venres, 6 de maio do 2022
O
Pazo de San Roque en Santiago acolleu este venres 6 de maio a
entrega do premios da edición 2022 do certame literario en liña
Lingua de namorar, impulsado pola Secretaría Xeral de
Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude co
obxectivo de “fomentar a lingua galega nas relacións entre iguais,
nomeadamente a través das tecnoloxías da comunicación, e da
transmisión do afecto entre a mocidade”.
O
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García,
salientou que o obxectivo desta undécima edición foi centrarse “na
importancia da dinamización da lingua galega entre a mocidade e,
especialmente, nas redes sociais”.
Pola
súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e
Voluntariado, Cristina Pichel, salientou que Lingua de Namorar
é “un certame consolidado entre a mocidade que, ademais de
promover a lingua galega, tamén recoñece o talento creativo que
atesouran os mozos galegos”.
A
xornalista Esther Estévez, popular divulgadora da CRTVG centrada no
ámbito da lingua galega, foi a encargada de conducir a entrega de
premios a cinco dos sete gañadores das tres categorías de
participación, que acudiron arroupados polas súas familias.
A
gañadora da categoría A, de 14 a 19 anos, foi Carmen Fernández
(Ourense), coa mensaxe Á flor baixo a neve. Lucas Paz (A
Coruña) e Laura Sande (A Coruña) recibiron o segundo e terceiro
premio con Amor contraditorio e Desde Vilamor ata Fisterra,
respectivamente.
Na
categoría B, de 20 a 35 anos, os gañadores foron, do primeiro ao
terceiro, Pedro Rodríguez (Nigrán, Pontevedra), con O amor de
iglú; Ania Ferreira (Vigo, Pontevedra), con Dúas partes que
son unha; e Andrea López (Pantón, Lugo), con Filautía.
A
premiada na categoría C, vixente desde 2021 para idades de 14 a 35
anos e exclusiva para Instagram, foi Sofía Muñiz (Cambados,
Pontevedra) con #Pulsión.
Os
premiados e premiadas recibiron, segundo o posto acadado, un patinete
eléctrico Youin You-Go L, un tocadiscos Nevir retro e un reloxo
intelixente con esfera curvada 2.5 D, ademais dun lote de libros de
literatura e poesía galega e un diploma.
Tanto
as mensaxes gañadoras como os finalistas daranse a coñecer
publicamente no web do certame e nas contas de Instagram de
@xuventudegalicia e @linguagalega.