Política Lingüística e AMTEGA completan a oferta formativa de autoaprendizaxe en liña para o CELGA

xoves, 9 de febreiro do 2023 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística puxo en marcha o novo curso de autoaprendizaxe en liña preparatorio do nivel 3 do CELGA (Certificado de Estudos de Lingua Galega). Así o fixeron saber na mañá deste 9 de febreiro o secretario xeral Valentín García, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño.
Segundo explicaron, trátase dun curso de galego que “axuda a mellorar o coñecemento desta lingua e a preparar as probas para obter o CELGA 3, ofertado na modalidade de autoaprendizaxe en liña a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística”.
Con el, dixeron, “buscamos responder á crecente demanda de estudo do galego cunha maior flexibilidade e sen límites”, indicou o representante da Consellería de Cultura e Educación, engadindo que “con este último curso xa temos completa a oferta de autoformación en todos os niveis CELGA”.
Pola súa banda, Julián Cerviño enmarcou esta actuación nas iniciativas que se levan a cabo dende a Xunta de Galicia para “consolidar a lingua e a cultura de Galicia nos ámbitos dixitais”. Citou, entre outros, o Proxecto Nós para colocar ao galego na vangarda das tecnoloxías intelixentes, ou a Memoria Dixital de Galicia.
Tamén dixo que as actuación que se levan a cabo dende a axencia AMTEGA “non soamente permitirán aprender e certificar o uso do galego ou falar no noso idioma cos asistentes virtuais, senón tamén acceder a todos os recursos culturais e históricos nesta lingua”.
Na presentación, celebrada na sede de AMTEGA na Cidade da Cultura, tamén participaron a subdirectora xeral de Política Lingüística, María Lourdes Batán, e o representante de Imaxin/software, Diego Vázquez, empresa que colabora no desenvolvemento dos cursos.
Autoformación en todos os niveis CELGA
O curso constitúe unha adaptación (en liña e de autoaprendizaxe) a partir do curso de CELGA 3 con titorías e contén exercicios de léxico, gramática e comprensión e expresión oral e escrita. Componse de oito unidades cunha media de 30 actividades cada unha nas que o o alumnado poderá comprobar os seus progresos e consultar as respostas. Ademais dos modelos resoltos de exames oficiais do certificado, hai dispoñíbel un vídeo interactivo final de repaso para comprobar o aprendido en cada unidade.
A inscrición neste novo curso poderá realizarse a partir da segunda quincena de febreiro na plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, a diferenza dos cursos tirorizados, non hai límite de prazas nin suxeición a datas ou horarios de impartición.
Con este curso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística completa a oferta formativa de autoaprendizaxe en liña de todos os niveis CELGA, que comezou en 2021 co CELGA 1 e que continuou en 2022 co CELGA 2 e 4 e cos que se formaron, ata o de agora, máis de 7.000 persoas.

PUBLICIDADE