Política Lingüística convoca o programa de proxectos educativos e innovadores a prol do galego

xoves, 19 de xaneiro do 2023 S. P.

A Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de convocar o programa de proxectos de innovación educativa en dinamización do galego para centros educativos no curso 2022/2023. O obxectivo é “animar ao profesorado a lanzar accións que revertan positivamente na dinámica lingüística habitual do centro escolar e xeren melloras permanentes na práctica docente e na realidade do ensino”.
Poderán participar nesta convocatoria todos os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
A comisión de selección valorará especialmente os proxectos en función do “seu interese educativo”; da “súa contribución ao incremento do uso da lingua, á eliminación de prexuízos lingüísticos entre a comunidade educativa e á posta en valor do galego como lingua de interese e con proxección de futuro para a mocidade”; así como as propostas específicas de atención á diversidade e as medidas para fomentar os valores democráticos, en especial a igualdade, entre outros criterios.
Entre todos os proxectos presentados seleccionaranse cinco, que terán a consideración de excelentes. Cada un deles recibirá unha dotación económica de 2.000€, así como o apoio e asesoramento da Consellería tanto na fase de elaboración do proxecto como durante o seu desenvolvemento. Poderán concederse, ademais, ata un máximo de dúas mencións de honra, sen dotación económica. Os proxectos seleccionados serán publicados no Portal da Lingua Galega e no Portal educativo.
O profesorado implicado activamente no desenvolvemento de cada un dos cinco proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante. Os docentes que participasen de forma activa no desenvolvemento dos proxectos recoñecidos, de ser o caso, coa mención de honra recibirá unha certificación de accésit.

PUBLICIDADE