Política Lingüística abre unha web dirixida a facilitarlle o camiño ós internautas que queiran aprender galego

mércores, 14 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

“Quixemos facer unha web accesible, útil e ben desenvolvida”. Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística, presentou deste xeito a páxina oficial do dito departamento, nun encontro cos medios de comunicación no Club Internacional de Prensa (Santiago). A páxina, coma calquera web institucional, achega información sobre o traballo do departamento que representa, pero semella que Política Lingüística quixo ir alén de presentar unha listaxe de datos oficiais de contacto, obxectivos, plans e organigrama (que habelos, hainos). Onde de verdade semella estar o miolo da web é nas seccións Vivir en galego e Aprender galego, dous bloques que achegan información (respectivamente) sobre a situación e as ferramentas para facer vida na nosa fala e sobre as posibilidades de aprendizaxe da lingua tanto en Galiza como no exterior.
A web, que segundo Política Lingüística vai dirixida a ser “unha completa perspectiva da lingua galega hoxe”, foi desenvolvida en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, sendo realizada cun xestor de contidos DRUPAL que se executa sobre tecnoloxía LAMP.
A aparencia da web é ben sinxela”, comentou Marisol López, e engadiu: “con ela, o que quixemos foi facilitar no posible o contacto entre os cidadáns e tódalas institucións que teñen algo que ver coa difusión do galego”.
Vivir en galego
Nesta sección, Política Lingüística pon na Web o seu particular exame e avaliación do emprego do galego actualmente en diferentes eidos da sociedade. Inclúense accesos a tecnoloxías da lingua como tradutores en liña, correctores ou datos sobre equipos que hoxe en día incorporen o galego.
Aprender galego
Este bloque da web vai dirixido a facilitarlle o camiño a quen estea a dar os primeiros pasos para aprender a lingua galega, tanto dentro (onde hai máis recursos) como fóra de Galiza. Dito doutro xeito: sinálanse co dedo os diferentes recursos.
Lingu@net
Lingu@net é un dos recursos incorporados á web de Política Lingüística. Trátase dun centro multilingüe de ferramentas en liña para a aprendizaxe de linguas en Europa. Tras este centro atópase un consorcio de 24 organizacións educativas do continente e que están a ser coordinadas neste proxecto polo Centro Nacional Británico para os Idiomas. Neste intre, a lingua galega achega 154 recursos en liña dos 4.000 dispoñibles. Trátase dun proxecto dirixido sobre todo ó profesorado e as seccións sobre as diferentes linguas (unhas 20) pódense ler en caracteres latinos, gregos ou cirílicos.
Os recursos achegados por Galiza son variados: mesmo é posible escoitar cancións.
A intención de Política Lingüística sumándose a este proxecto e dispoñéndoo na súa web é contribuír á promoción do galego a través das novas tecnoloxías, “o que significa unha garantía de futuro e reforza o seu valor de utilidade”, subliñou Marisol López.

PUBLICIDADE